Publicador de contidos

Publicador de contidos

Nas granxas de leite loitan contra a calor con diferentes sistemas

Nas granxas de leite loitan contra a calor con diferentes sistemas

Con auga, ventiladores ou aspas, os gandeiros conseguen atenuar a baixada da produción que acompaña as temperaturas disparadas

Unha vaca refréscase xunto a un ventilador de aire
Félix Aragunde. Imaxe: Jorge Pereira. 23/06/2026 21:55

As de leite figuran entre as granxas de vacún onde os animais acusan en maior medida as altas temperaturas propias dunha vaga de calor. Para facérllela máis levadía ás vacas, os gandeiros recorren a diferentes sistemas, dende o máis básico ata o máis sofisticado. Hai explotacións onde se arrefría o gando con auga, e outras teñen instalados ventiladores, e incluso aspas, que conseguen baixar o termómetro varios graos. 

"Empezamos montando 15 ventiladores, e a día de hoxe debemos de ter sobre 24. E estamos cambiando destes aos de aspas, que moven moito máis o aire", sinala o gandeiro Carlos Dablanca. 

 "Temos uns ventiladores, e cando vai calor prendémolos para que estean máis frescas e cómodas. E non se botan polo día fóra, porque non se para", engade a gandeira Ana Ares. 

"Nós amañamos fácil, regándoas de cando en vez cunha mangueira, porque non hai outra solución. Para que isto estivera ben, habería que poñer aspersores por riba con auga para que arrefriase o teito e houbese frescura abaixo", agrega Gerardo Regueiro. 

Nas vagas de calor a produción láctea reséntese, cunha baixada de ata tres litros por animal cada día. Cos sistemas para arrefriar a temperatura, os gandeiros non só conseguen minimizar este efecto, senón que ademais poden chegar a reducir o número de xornadas necesarias para que as vacas recuperen a produción normal.

"Baixaban nunha semana dez litros e despois recuperaban moito menos. Agora esa recuperación é moito mellor, moito máis rápida", indica Dablanca. 

"Comen menos, ao ir tanta calor. Están amoreadas onde máis fresco atopan", subliña Ana Ares. 

"Con tempo normal, temos unha media de 33 litros, e agora é de 30. Coa calor, dan tres litros menos", afirma o gandeiro Gerardo Regueiro. 

De non se aplicaren estes sistemas para aliviar a calor do gando en intensivo, os animais sufrirían en maior medida. Pola súa parte, as explotacións poderían chegar a perder miles de euros, en función do número de cabezas de cada granxa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar