Condenado a sete anos e medio de cadea por un delito de asasinato en grao de tentativa
Deberá indemnizar a vítima con 23.100 euros
A sentenza foi declarada firme
Os feitos aconteceron contra as sete e media da mañá do 9 de agosto de 2024 tras unha discusión, nunha cafetería da ronda de Outeiro, entre a vítima e o xa condenado.
"Despois de discutir co meu cliente, o acusado marchou. E cando o meu cliente chegaba cos seus amigos á parada de taxis da rúa Tornos, apareceu o acusado que fora á súa casa e cambiara de roupa para dificultar o seu recoñecemento, e cun coitelo de cociña atacou o meu cliente", explica Manuel Ferreiro, avogado da acusación particular.
No seu escrito de acusación a Fiscalía recolle que o agresor se abalanzou sobre a vítima coa intención de acabar coa súa vida. Como consecuencia do ataque, o agredido sufriu varias lesións, entre elas, un traumatismo torácico e un pequeno pneumotórax.
O Ministerio Público pedía para el unha pena de 9 anos de cadea por un delito de asasinato en grao de tentativa. A acusación particular, doce anos de cárcere e a defensa a libre absolución. Finalmente chegaron a un acordo.
"Discutíase se se podía degradar a intento de homicidio, pero finalmente quedou en asasinato en grao de tentativa na pena mínima que son sete anos e medio de cadea".
Amais, deberá indemnizar a vítima con 23.100 euros. A sentenza foi declarada firme.