Publicador de contidos

Publicador de contidos

Abre o prazo para solicitar as axudas da Xunta para libros e material escolar

Abre o prazo para solicitar as axudas da Xunta para libros e material escolar

Poden solicitalas as familias de estudantes de primaria, ESO e educación especial con rendas iguais ou inferiores aos 10.000 euros por membro

O prazo remata o 19 de xuño

Jesús Hellín/Europa Press Jesús Hellín/Europa Press
G24.gal 19/05/2026 12:33

A Consellería de Educación abriu o prazo para solicitar as axudas da Xunta para a compra de libros e material escolar de Primaria, ESO e educación especial e o préstamo de manuais a través do fondo solidario, que se poderán pedir ata o día 19 de xuño.

A convocatoria conta cun orzamento de máis de 17 millóns de euros e vai dirixida ás unidades familiares con rendas iguais ou inferiores aos 10.000 euros por membro, lembrou nun comunicado a Consellería.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica, mediante formulario a través da sede electrónica da Xunta, aínda que tamén se poderá facer presencialmente nos centros docentes ou en calquera lugar e rexistro establecido na normativa.

A iniciativa, sumada aos alumnos que contan con libro dixital, chega a sete de cada dez escolares das diferentes etapas educativas.

No presente curso, 166.449 alumnos tiveron libros de forma gratuíta a través dalgunha destas modalidades, e 122.950 deles accederon tamén a vales de material.

Axudas para material

Para axudas a material hai dous vales, un de 75 euros para familias con rendas per cápita iguais ou inferiores a 6.000 euros, e outro de 60 euros para as rendas de entre 6.000 e 10.000 euros.

O alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta, así como o de educación especial ou con necesidades específicas de apoio educativo cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, recibirá o vale de 75 euros, con independencia da renda.

Axudas para libros de texto

As axudas á compra de libros de texto son para o alumnado de 1º e 2º de primaria e todas as situacións en que, por diferentes motivos, os libros non sexan reutilizables.

En primaria, as familias con rendas iguais ou inferiores a 6.000 euros recibirán 240 euros, e para rendas de entre 6.000 e 10.000 euros a axuda será de 160 euros.

No caso da ESO, os importes serán de 270 euros e 180 euros, respectivamente, para eses dous tramos de renda.

Os estudantes en situación de garda ou tutela da Xunta recibirán 240 euros en primaria e 270 euros na ESO, independentemente da renda.

Pola súa banda, os alumnos de educación especial e os que teñan un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % con necesidades específicas de apoio educativo recibirán 300 euros.

Nos cursos con libros reutilizables -entre 3º de primaria e 4º da ESO-, as familias poderán acceder a préstamos do fondo dotado con máis de 510.000 manuais, ao que poden acceder tamén os participantes no programa E-dixgal.

Os escolares poderán ter ata seis libros do fondo, en función do nivel de renda.

Nos casos nos que o centro deba adquirir algún libro adicional por non haber suficientes, a Xunta abonará 40 euros por manual en primaria e 45 euros na ESO.

Tanto para acceder ao fondo como ás axudas de libros e material é imprescindible devolver os manuais do curso anterior.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade