A Xunta aumenta un 25 % o apoio ás familias na volta ao cole
Coas axudas beneficiaron máis de 100.000 alumnos dende 2022
O Goberno galego recorda ás familias que deben gardar as facturas se queren optar á nova desgravación fiscal
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, sinalou que nos últimos catro anos o Goberno galego mobilizou máis de 100 millóns de euros en axudas para a volta ao cole.
"O que supón un incremento desde o curso 2022-2023 de máis dun 25 % e máis de 100.000 novos beneficiarios nos últimos catro anos", destacou.
Rodríguez informou este mércores sobre as liñas de apoio da Xunta ás familias no novo curso escolar poñendo a atención na nova desgravación fiscal pola compra de libros e material escolar. As familias deben gardar as facturas para optar á medida.
Na súa visita á librería Clip en Pontevedra, destacou que o inicio do curso supón certa tensión económica, circunstancia da que a Xunta está pendente.
O conselleiro enumerou varias medidas implementadas pola Xunta, como a ampliación do bono material escolar, matrículas gratuítas e desgravacións fiscais na declaración do IRPF de 2026.
A iniciativa vai dirixida ás familias, con rendas per cápita entre 10.000 e 30.000 euros, que ata agora quedaban fóra das axudas que operan para rendas inferiores a esa cantidade.
A desgravación cobre o 15 % do facturado, cun máximo de 105 euros por fillo e estímase que o aforro que alcanzará será de 6,3 millóns de euros a unhas 60.000 familias.
A volta dos libros de texto e das librerías
O propietario da librería Clip remarcou ao conselleiro as boas sensacións polo inicio da campaña escolar.
A boa valoración ten que ver coa novidade da incorporación do alumnado E-Dixgal ás axudas de libros de texto. Esta novidade está dentro da aposta da Xunta por avanzar nun modelo de ensino híbrido.
"A implantación dos libros de texto en quinto e sexto de primaria, que antes era todo tecnolóxico coas tabletas, foi un aliciente que nos deu un pouquiño de vida ás librerías", explicou o libreiro.
Tamén sinalou que comezan a vender con máis normalidade, incidindo en que a volta do libro de texto volveu reactivar as librerías.