Publicador de contidos

Publicador de contidos

Morren cinco mozos en dous accidentes nas estradas españolas, ningún superaba os 25 anos

Morren cinco mozos en dous accidentes nas estradas españolas, ningún superaba os 25 anos

Na madrugada deste domingo morreron nun accidente en Cantabria tres mozos; tiñan 22, 23 e 25 anos e viaxaban xuntos nun turismo que deu varias voltas de campá

En Granada, morreron a primeira hora tarde dous mozos de 21 e 17 anos ao chocar o seu coche contra o muro dunha rotonda, cando volvían de xogar ao fútbol

Na fin de semana, morreron 9 persoas e dúas quedaron feridas en 8 accidentes de tráfico desde as tres da tarde do venres

Estado do vehículo tras o accidente de Cantabria no que morreron tres mozos na madrugada deste domingo. Imaxe:EFE
G24.gal 30/11/2025 13:53 Última actualización 30/11/2025 20:27

Domingo negro nas estradas españolas. Cinco mozos morreron en dous accidentes de tráfico. Tres faleceron nun accidente en Cantabria e outros dous en Granada. Ningún superaba os 25 anos.

En Granada morreron este domingo dous mozos de 21 e 17 anos nun accidente de tráfico despois de que o turismo no que viaxaban chocara contra o muro dunha rotonda á altura de Huétor Santillán (Granada), de onde eran as vítimas. O Concello da localidade decretou tres días de loito oficial.

O sinistro ocorreu sobre as 13:40 horas na estrada A-4003, na rotonda que sobe ás canteiras, segundo o centro coordinador de emerxencias 112.

Testemuñas do accidente alertaron de que un coche batera contra o muro dunha rotonda e solicitaron asistencia sanitaria urxente para os seus dous ocupantes, que estaban atrapados e feridos graves, un deles en parada cardiorrespiratoria.

Ao lugar acudiron a Garda Civil de Trafico, os Bombeiros de Granada e efectivos sanitarios, que mobilizaron dúas UVI móbiles, ademais da agrupación de voluntarios de Protección Civil de Huétor Santillán.

Os dous ocupantes finalmente faleceron, segundo as fontes sanitarias.

Dáse a casualidade que esta poboación, de menos de 2.000 habitantes, xa perdera nun accidente de tráfico outros tres mozos, no ano 2007; un deles tamén era menor de idade. O accidente producírase no mesmo punto da estrada que o deste domingo.

Lugar do accidente no que morreron os dous mozos en Granada. Imaxe: EFE Lugar do accidente no que morreron os dous mozos en Granada. Imaxe: EFE

Tres mozos morren de madrugada nun accidente de tráfico en Cantabria

Os tres mozos mortos no accidente rexistrado en Cabezón de la Sal viaxaban xuntos nun turismo e tiñan 22, 23 e 25 anos. O accidente ocorreu contra as doce e media da noite, na estrada nacional 634.

Ao volante ía o máis novo. Por razóns que se están investigando, perdeu o control do vehículo, que subiu primeiro a unha illa, deu logo varias voltas de campá para acabar parando no aparcadoiro dun restaurante.

Os bombeiros tiveron que intervir para sacar do coche o rapaz que ía na parte de atrás. Rescatárono aínda con vida, pero faleceu cando estaba sendo auxiliado polos servizos sanitarios.

Dous dos mozos vivían en Cabezón de la Sal e o terceiro residía no concello lindeiro de Mazcuerras. As dúas localidades decretaron tres días de loito oficial.

Os familiares dos falecidos foron atendidos por psicólogos do goberno de Cantabria. A presidenta da comunidade transmitiulles as súas condolencias a través das redes e subliñou que a perda dos tres rapaces é un golpe para toda Cantabria.

Ao longo da fin de semana, desde as tres da tarde do venres, morreron 9 persoas nas estradas españolas e dúas quedaron feridas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade