Publicador de contidos

Publicador de contidos

Tres mortos ao colapsar o teito dunha nave en Coaña, Asturias

Tres mortos ao colapsar o teito dunha nave en Coaña, Asturias

Hai tres feridos, un en estado grave

Servizo de Emerxencias do Principado de Asturias
G24.gal 29/05/2025 16:07 Última actualización 29/05/2025 18:00

Tres persoas faleceron e outras tres resultaron feridas de diversa consideración ao colapsar este xoves o teitume dunha nave gandeira situada no concello asturiano de Coaña, informaron o Servizo de Emerxencias do Principado de Asturias e a Garda Civil.

Segundo os datos facilitados polo Servizo de Atención Médica Urxente, un dos feridos está grave, mentres que os outros dous presentan lesións máis moderadas.

Os falecidos tiñan 60, 52 e 46 anos, e eran veciños dos concellos asturianos de Tineo, El Franco e Avilés. O ferido grave ten 42 anos e é natural do concello asturiano de Valdés, mentres que os outros dous lesionados teñen 48 e 70 anos e son naturais de Valdés e Tineo.

O Centro de Coordinación de Emerxencias do 112-Asturias recibiu o aviso ás 12:52 horas, a través dunha chamada na que alertaban que se esborrallou o teitume dunha nave gandeira, ao parecer en obras.

No momento do accidente atopábanse no lugar nove persoas, das que faleceron tres, outras tres resultaron feridas e outras tres saíron ilesas. O ferido grave foi evacuado en helicóptero ao Hospital Universitario Central de Asturias, en Oviedo, e os outros dous foron derivados ao centro hospitalario de Jarrio.

Tras o accidente, os sindicatos UXT e CCOO reclamaron unha investigación exhaustiva para esclarecer as causas do accidente, mentres que a vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, asegurou que a Inspección de Traballo actuará "con toda a contundencia".

O concello de Coaña sitúase no litoral occidental do Principado, a uns 120 quilómetros de Oviedo, e conta cunha poboación estimada duns 3.300 habitantes.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade