Tres feridos na colisión dun coche contra un banco dos Concheiros, en Santiago
A conductora saiu da vía tras perder o control do coche
Os feridos foron trasladados en ambulancia ao Hospital Clínico
Eran preto das oito da tarde cando un estrondo sobresaltou os veciños do barrio dos Concheiros. Un coche acababa de esnafrarse contra este banco.
"Eu estaba na casa e escoitei o ruído e me dixeron que fora unha rapaza estranxeira que supoño que tería un coche automático e debeu dar marcha atrás, non sei, o caso é que quedou esnafrada no banco".
"Creo que tivo un choque antes e supoño que deu marcha atrás sen darse de conta e bateu co banco que como parece de cartón pedra porque se viñeron abaixo".
Viñéronse abaixo e con eles as persoas que os ocupaban. Tres resultaron feridas e foron trasladadas en ambulancia ao hospital.
"Dixéronme que unha señora maior marchou na ambulancia porque tiña unha ferida moi aparatosa na boca".
As causas do sinistro non transcenderon e non semellan estar relacionadas coa propia vía. Así e todo, son moitos os veciños que aproveitan para sinalar problemas de seguridade nesta rúa de entrada á zona vella de Santiago.
"Penso que a calzada é moi estreita e ten dous sentidos, cando veñen dous buses non collen e invaden a beirarrúa".
"A beirarrúa está ao mesmo nivel que a zona de rodadura, algunha vez lle teño avisado a un coche que está circulando fora do carril".
"Tamén hai que dicir que aquí entran moitos peregrinos e pensan que é peonil e invaden a zona destinada aos coches".
Queixas que se suman á velocidade coa que circulan algúns vehículos pola zona.
"Aquí hai un 20, é unha zona semipeonil pero moitos coches circulan á velocidade que lles peta".
Os sustos, din, son constantes, sobre todo no cruzamento que os conecta coa avenida de Lugo.
"Hai coches que non sabe por onde ir, o peón non entende tampouco por onde ten que cruzar, hai que ser da zona para entender isto".
Temen que algún día se produza unha desgraza e piden unha sinalización máis clara tanto para os peóns coma para os vehículos.