Marchan sen pagar 7.000 euros nun restaurante de Culleredo
Contrataron a festa de aniversario dunha nena de cinco anos con todo o luxo: "Dicían a todo que si"
A familia marchou sen pagar e lanzando ameazas contra os donos do local, que xa denunciaron a estafa
Todo estaba preparado co cariño dos grandes eventos, co coidado que merece unha pequena de cinco anos. Era o seu aniversario.
"A miña muller é moi detallista, e entón pasou toda a semana facendo cousas na casa coa miña filla, facendo magdalenas, botellas de auga personalizadas co nome da nena, carteis...", explica Leonardo Díaz, copropietario de Tropicaña by Sombrero.
Con cada detalle pensado, feito á man, co nome da nena, coas súas bonecas preferidas.
Á nai da protagonista todo se lle facía pouco, seica para compensar a perda dun familiar.
"Eu preguntei antes se era unha voda ou un bautizo, e dixeron que era o aniversario da nena, pero que o querían facer ao grande. Quixeron petiscos, barra libre, merenda para os nenos, marisco..., engadindo cousa, mesa de doces...", detalla Carol Machado, propietaria de Tropicaña by Sombrero.
Unha festa con pequenos e adultos. 84 persoas que comeron, beberon e riron, sen présa para marchar. Contra as once da noite, chegou o momento de facer contas. Total, 7.000 euros.
"Díxome que non tiña cartos, que tiña que ir buscalos á casa porque pelexara co marido e que me pagaba por transferencia", confirma Carol.
Nin tiñan os cartos nin tampouco a intención. Os convidados que quedaban fuxiron para os coches, pero a cousa non quedou aí.
"A miña muller díxome que fósemos cobrar á súa casa e cando saquei o coche había un home moi alterado".
"Baixa do coche e veuse enriba de min que me ía matar, que me ía queimar viva, que me vai estragar o local, que o vai queimar, e eu funme apartando porque viña cara a min para pegarme", lamenta a propietaria.
Á perda económica, súmanse os estragos que deixaron no local. É xente da zona, unha gran familia repartida entre A Laracha, Carballo e Arteixo.
Hai que valer!