A facturación da hostalería aumenta ata un 30% cos partidos do mundial
Estímase que a metade dos españois seguirán a final desde un bar
A final comeza ás nove da noite, pero en moitos bares o partido xa se xoga desde primeira hora. A hostalería prepárase para un partido histórico e para facturar. Estímase que o impacto económico do mundial no sector podería superar os 130 millóns de euros.
Nas televisións do Sport Café sempre hai sintonizada algunha canle deportiva. É un deses bares que son punto de encontro nas grandes citas do deporte. Cada partido do Mundial foi un cheo absoluto.
"A tope todos os días. Había xente vendo o partido desde fóra. Daba igual se había cadeiras, cervexa, auga... Tomaban o que fose con tal de ver o fútbol", comenta Bruno Santiago, un dos camareiros desde local coruñés.
Teñen mesas reservadas desde un par de horas antes do encontro. Pasa o mesmo no Bocatín, unha xamonería con moita clientela deportivista pola súa proximidade ao estadio de Riazor. Esta noite traballará todo o persoal.
Segundo Hostalería de España, os bares poden facturar ata un 30% máis nos días de partido. Aquí están convencidos de que será máis.
"Máis, máis, aquí máis. Para min a facturación nun día de partido é o dobre que a dun día normal", explica Iago Carreiro, propietario da cafetería.
Entendemos o fútbol como unha experiencia compartida e o bar, como o mellor espazo para vivila. Estímase que máis da metade dos afeccionados seguirán a final do mundial desde un bar.