Once persoas morreron nas estradas galegas no mes de agosto, cinco delas en Lugo
A Coruña foi a provincia con máis sinistros, 84
Lugo só rexistrou 29 accidentes pero foron os máis graves, con 5 mortos, 11 feridos graves e 42 leves
En total a DXT contabilizou 242 sinistros en toda Galicia
Se o mes de xullo pechou cun dato positivo: a redución á metade da cifra de vítimas mortais en accidentes de tráfico respecto do ano pasado, agosto non se comportou igual. A falta dunhas horas para que remate o mes, a cifra provisional de mortos nas estradas galegas é de 11, segundo datos da DXT .
Rexistráronse un total de 242 sinistros, dos que a terceira parte, 84, producíronse na provincia de A Coruña. Na de Lugo foi onde menos accidentes se contabilizaron, 29, pero paradoxalmente, foron os máis tráxicos, con 5 mortos, 11 feridos graves e 42 leves.
Un dos máis fatídicos producíase o 5 de agosto na A-6 á altura de Bóveda sentido A Coruña. Un furgón colidíu con outro do Servizo de Conservación de Estradas que realizaba labores de mantemento na via. A consecuencia do impacto o veículo que causou o accidente ardeu. Faleceron os dous ocupantes.
Outro dos sinistros máis graves rexistrábase o 21 de agosto no corredor de Sarria á altura do Corgo. Foi unha colisión múltiple en que se viron implicados 3 veículos. Un deles invadíu o carril contrario e colidíu cos outros dous. Faleceu unha muller de 55 anos e outras 8 persoas quedaron feridas, varias delas, familiares da vítima que viaxaban no mesmo coche.
Nos últimos dias de agosto tamén se rexistraron numerosas saídas de vía e sinistros por mor do estado esvaradío das estradas pola chuvia. Malia que este luns o tempo mellorou, compre apelar á precaución aos que regresen das vacacións ou os que as comezan xa que se prevén moitos desprazamentos aínda nesta derradeira xornada da operación retorno da DXT que concluirá á medianoite.