Publicador de contidos

Publicador de contidos

Dous detidos en Vigo por extorsionar un veciño de Valladolid con páxinas de contactos

Dous detidos en Vigo por extorsionar un veciño de Valladolid con páxinas de contactos

Chegaron a ameazar con causar danos a vítima e á súa familia se non abonaba 2.500 euros

Policía Nacional Policía Nacional
G24.gal 31/08/2026 11:32 Última actualización 31/08/2026 11:45

A Policía Nacional detivo en Vigo un home e unha muller como presuntos autores dos delitos de pertenza a grupo criminal e extorsión a un veciño de Valladolid, ao que chegaron a ameazar con causar danos a el e á súa familia se non abonaba 2.500 euros.

A investigación, segundo informou este luns a Policía, iniciouse por mor da denuncia presentada a finais do pasado mes de novembro polo home presuntamente extorsionado na Comisaría de Distrito Valladolid-Delicias.

O denunciante explicou que, despois de acceder a diferentes páxinas web de contactos e anuncios de natureza sexual, comezou a recibir chamadas e mensaxes desde varios números de teléfono que non tiña rexistrados.

Segundo relatou, os interlocutores asegurábanlle que ocasionara molestias ás escorts anunciadas nesas páxinas e que debía pagar unha multa de 2.500 euros polo uso dos servizos web.

As ameazas intensificáronse a través de WhatsApp, aplicación a través da que os presuntos extorsionadores lle enviaron fotografías de homes armados e embozados, así como imaxes de agresións a outras persoas, acompañadas de mensaxes en que advertían de que se non pagaba a organización iría a por el e a súa familia para facerlles dano.

Ante o temor provocado polas ameazas, a vítima chegou a efectuar dous pagos mediante Bizum por un importe total de 500 euros, pero posteriormente, ao ser consciente de que estaba a ser vítima dunha extorsión, decidiu acudir á Policía Nacional e presentar unha denuncia.

A partir de entón, os investigadores realizaron diversas pescudas e xestións que permitiron identificar a catro persoas, dous homes e dúas mulleres, veciños de Vigo, que presuntamente participarían nos feitos.

Finalmente procederon á detención de dous dos investigados, un home e unha muller, como presuntos autores dun delito de pertenza a grupo criminal e outro de extorsión, os cales foron postos ao dispor da autoridade xudicial competente.

Respecto ao segundo home identificado, cursouse unha orde de detención policial ao non poder ser localizado, mentres que a outra muller presuntamente implicada figura como investigada no atestado policial. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade