Os veciños do barrio ferrolán de San Pablo denuncian a presenza de ratas nas rúas
Cren que a maleza e as obras de acondicionamento dun antigo espazo militar poden estar detrás da praga
Non é un problema novo en San Pablo
"Hai moitísimas. Son coma gatos", di unha veciña.
Din os veciños que a presenza de roedores é habitual en distintos puntos do barrio.
"Son grandes. Vense cruzar pola estrada e métense nas casas", asegura un veciño.
"Están debaixo dos contedores. Vas tirar o lixo e saen correndo", afirma unha veciña.
As obras de acondicionamento do antigo polígono de tiro de Catabois chega ata esta zona de San Pablo. Os traballos permitiron acondicionar unha parcela que antes estaba chea de maleza.
"Iso era da Mariña e levaba moitos anos descoidado", explica unha veciña.
E hai veciños que pensan que os roedores puideron fuxir das obras para refuxiarse noutros lugares do barrio. Moitos deles espazos privados das vivendas con falta de mantemento.
"Desde que levantaron aquí saiu todo para fóra. Agora hai que ter todo pechado e moito coidado", di un veciño.
Desde a asociación de veciños aseguran que son queixas puntuais que non teñen que ver coa nova zona verde que só vai mellorar o barrio. E din que hai dúas semanas o Concello levou a cabo unha actuación de desratización da zona a pedimento da asociación.