Denuncian a presenza de ratas en varias zonas de Betanzos
A veciñanza alerta dun problema de salubridade e sinala a quen tira comida polos sumidoiros
Un veciño de Betanzos atopou este martes unha rata, dun tamaño considerable, dentro da súa casa.
"Alí, na reixa vin eu unha moi grande que se meteu para dentro. Si que as hai". "Eu vivo nese edificio e hai ratas, si". "No parque recentemente inaugurado tamén había unha rata grande".
A veciñanza denuncia un aumento de roedores en distintas zonas de Betanzos e alerta dun posible problema de salubridade.
"É un problema porque poden contaxiar enfermidades".
E hai quen apunta como unha das causas deste problema as persoas que tiran comida polos sumidoiros.
"Esa práctica véxoa eu desde a ventá. E se lles tiras comida, as ratas van comer".
Piden que se reforcen os traballos de control e desratización.
"Hai anos limpaban os sumidoiros e poñían trampas. Agora non fan nada".
Desde o Concello informan de que Betanzos conta cun servizo especializado de control de pragas que realiza tarefas de desratización todos os meses. A última, asegura, levouse a cabo este setembro.