Unha praga de ratas, que teñen unha colonia no regato de Vilariño, preocupa os veciños do Hío
Os animais fixeron os niños e no muro que coloniza o leito fluvial e multiplicaronse en poucos meses
Os afectados deben ter coidado de pechar as vivendas e os negocios para que non entren
Sinalan que todo comezou coa localización dun colector de lixo preto da marxe do río
Unha praga de ratas ten moi preocupados os veciños da zona de Vilariño, na parroquia canguesa do Hío. Os roedores colonizaron o río e transitan libremente polas inmediacións, preto das vivendas e locais de hostalería.
Non se ocultan nin se arredan ante a presenza da cámara, mesmo semella que aproveitan o foco para deixarse ver con toda naturalidade.
"Hai unha praga delas porque son ratas así de grandes (fai un aceno coas mans simulando o tamaño dos animais). Teñen túneles feitos na beira, unha colonia fixeron no río. É un espectáculo, a xente queda parva véndoas", sinala un veciño. "Hai moitas. Se quedades por aquí un anaquiño xa as podedes ver correndo por aí. Hai moitas!", di outra veciña.
Algúns apuntan a ubicación dun colector de lixo a carón do regato como o punto orixinal de infección.
"Había un colector de lixo e viñeron todas aí. Agora quitaron o contedor, xa non teñen que comer e buscan por onde sexa", di un afectado que vive preto do río. "Furaron dende abaixo o chan do contedor para comer no lixo. Era unha pasada", di o veciño.
Aínda que o contedor xa foi retirado do lugar as ratas colonizaron todo o leito fluvial, facendo os niños nas marxes e mesmo entre as pedras do muro que canaliza o río. Inzaron de tal xeito que os veciños deben protexer as vivendas e negocios.
"Temos que ter as ventás pechadas. Se nos descoidamos e deixamos a porta ou a ventá aberta, pois axiña entran na casa". "Os tomates cómenos, cando maduran veñen aquí e arrasan con todo. Eu poño veleno, pero non consigo nada", asegura con frustración un dos veciños afectados.
Son evidentes os riscos para a saúde das persoas e da fauna da zona.
"Traballo no restaurante e vexo moitas ratas. O xefe colocou unha rede para impedir que entren. Hai que amañar as cousas, non?", conta unha traballadora do restaurante que está a carón do río. "Comen as crías (dos patos). E tamén hai serpes, que comen as crías", afirma outra veciña.
Os veciños da contorna reclaman ás autoridades unha actuación cos métodos máis eficaces para conter a praga antes de que sexa incontrolable.