Publicador de contidos

Publicador de contidos

The Rapants, Lucho RK, 9Louro, Santiago Auserón, Celtas Cortos e Malú serán os protagonistas do San Froilán de Lugo

The Rapants, Lucho RK, 9Louro, Santiago Auserón, Celtas Cortos e Malú serán os protagonistas do San Froilán de Lugo

A alcaldesa de Lugo presentou os eixes dun programa "elaborado para todos"

O grupo The Rapants/Wikipedia O grupo The Rapants/Wikipedia
G24.gal 31/08/2026 13:17

Os grandes concertos serán un ano máis os principais atractivos do San Froilán 2026, que se celebrará en Lugo do 4 ao 12 de outubro cunha programación que foi presentada este luns pola alcaldesa, Elena Candia, e o concelleiro de Cultura, Javier Vázquez Prado, acompañados pola totalidade do equipo de Goberno, incluída a non adscrita.

Trátase dun programa en que destacan Nil Moliner, Sidecars, The Rapants, Lucho RK, Santiago Auserón, Celtas Cortos, Malú, Juan Magán, A Penúltima e Los Diablos, ademais do espectáculo infantil de Pica Pica.

Con flocos e contratacións de última hora por pechar, "ademais dalgunha sorpresa que falta", como destacaron os organizadores, presentáronse as principais actividades, que se desenvolverán novamente nos escenarios coñecidos da Horta do Seminario, para os grandes concertos; a praza de Santa María, para as agrupacións tradicionais e locais; a Praza Maior para as orquestras, e o patio do Seminario para as actividades infantís, aínda que non descartan acondicionar outros lugares para levar algúns actos.

Candia destacou que será "un San Froilán grande nos escenarios, popular nas rúas e pensado para todos", cunha programación gratuíta en todos os escenarios para facilitar que a cidadanía poida desfrutar das festas.

Neste punto destacou que esta programación "da que senten moi orgullosos", polo seu espírito "integrador", recolleu o 90 % das propostas que realizou o BNG para incluír na programación. Vázquez Prado, matizou, ademais, que o PSOE non realizara ningunha proposta.

O calendario arrincará o 4 de outubro con Nil Moliner. O día 5 será a quenda de Pica Pica e Sidecars, mentres que o 6 actuarán 9louro e The Rapants. O 7 chegarán Lucho RK e Santiago Auserón, o 8 Celtas Cortos, o 9 Malú e o 10 Juan Magán. A Penúltima actuará o 11 e Os Diaños pecharán a programación musical da Horta do Seminario o 12 de outubro.

A praza de Santa María terá, pola súa banda, unha programación propia centrada especialmente na música tradicional, a cultura galega e a participación de agrupacións e artistas locais.

O escenario acollerá propostas como a Banda Filarmónica e Brath, a Orquestra Terranova cun espectáculo de zanfonas, San Froilán Sorrí, con monólogos de humor, O Kiki e o Cante das Minas, nun espectáculo do Teatro Real, así como Cántigas e Frores, Airiños de Orbazai, a Asociación de Gaiteiros e Xisco Feijoo. O 4 de outubro estará dedicado ás actuacións de corais e o 7 cobrarán protagonismo os grupos locais, cunha programación aínda sen pechar.

As verbenas serán outro dos grandes piares das festas. Haberá verbena todos os días, entre o 4 e o 12 de outubro, cun total de 13 actuacións distribuídas en catro localizacións diferentes. Na Praza Maior actuarán Marbella, Principal, Os Satélites, Acordes, Grupo Beatriz, Punto clave, América, Suavecito, Escaparate e Costa Dorada.

A programación verbenera tamén chegará a outros puntos da cidade. París de Noia actuará o 5 de outubro en Augas Férreas e Panorama City farao o día 8 en Agro do Rolo.

Para o 12 de outubro está prevista a actuación de Panorama, cun espectacular escenario de 64 metros, aínda que a localización está aínda pendente de confirmación debido ás dimensións desta.

Máis aló dos grandes escenarios, o San Froilán volverá ser tamén unha festa de rúa. A Banda Municipal de Música actuará no fornelo cun concerto posterior ao pregón e contarase coa participación da Banda Filarmónica, as Bandas de Música das escolas mancomunadas de Outeiro de Rei, Friol, Rábade e Begonte e numerosos grupos locais.

Suspendese o desfile gandeiro

Un dos grandes ausentes da celebración de 2026 será o desfile de gando, unha das citas máis tradicionais da programación festiva. Elena Candia anunciou que este se suspenderá este ano tras a morte dunha muller que foi atropelada por un dos animais que fuxía asustado.

"Por seguridade" suprímese esta actividade, pero compensarase con outras propostas, algunhas gastronómicas, que estarán vinculadas as razas de gando autóctono.

As rúas de Lugo estarán acompañadas durante as festas por pasacalles, charangas e batucadas, alén dos tradicionais Xigantes e Cabezudos.

A cultura e a tradición galega terán tamén o seu espazo con grupos de danzas e escolas de baile, o Domingo de Mozas, o desfile de traxe galego e unha verbena galega de antes, cun espectáculo teatralizado na Praza Maior.

Día do neno e programación infantil

A programación infantil terá un protagonismo especial a través do San Froilán Miúdo. Xa durante o mes de setembro, os Pelúdez realizarán 30 visitas a centros educativos, escolas infantís e ao HULA para achegar aos máis pequenos as raíces e a identidade destas festas e recuperar o vínculo das novas xeracións cuns personaxes que forman parte da memoria do San Froilán.

Durante as festas, Pica Pica ofrecerá o 5 de outubro, ás 12:00 horas na Horta do Seminario, un espectáculo musical dirixido a toda a familia. Tamén están previstos o espectáculo itinerante de Diminuts e o Carrusel Ambulante, alén de propostas de música, maxia, contacontos e outros espectáculos infantís, entre os que figura Uxía Lambona e a súa banda Molona.

As barracas permanecerán instaladas do 26 de setembro ao 12 de outubro, ampliando as opcións de lecer para os máis pequenos. Tamén haberá un Día do Niño, durante o cal as atraccións terán prezos máis económicos.

A programación incorpora así mesmo propostas dirixidas especialmente á mocidade, como o Espazo Hip Hop, San FroiDance e o Electronic Lucus Fest.

O programa completarase con actividades relacionadas coa cultura popular e o patrimonio da cidade, entre elas a Feira do Mel na Praza de Santo Domingo, o San Froilán Tecedeiro, a Mostra de Coches Clásicos e o Mercado Medieval, previsto para o 12 de outubro.

Ademais, o Concello colaborará co Mariña Fest, que se celebrará os días 2 e 3 de outubro, nas xornadas previas ás festas patronais, mediante apoio en infraestruturas e autobuses lanzadeira.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade