Tres equipos galegos clasifícanse para as semifinais da Copa da Raíña de fútbol sala
O Castro enfrontarase ao Melilla, adestrado polo ourensán Morenín
O Burela e o Poio xogarán a outra semifinal, que garante un equipo galego loitando polo título
O Castro Bloques Cando xogará as primeiras semifinais da Copa da Raíña da súa historia. O primeiro dos catro equipos galegos que participan nesta rolda abriu a quenda no pazo dos Deportes de Cartaxena. Derrotou o Teldeportivo canario por 0-4 con tantos de Jenny Santos, Laura Boix, Julia Melz e Camila Costa. Este sábado buscará billete para a final fronte ao Melilla, vixente gañador da Copa.
Burela e Ourense protagonizaron o derbi copeiro da xornada. E tal e como se prevía, será o Burela quen pelexe pola súa sétima copa tras golear o equipo que dirixe Carlos Navarro. Dany Domingos, Carolina Pedreira, Débora Lavrador, Emily Marcondes e Patricia Ortega certificaron a vitoria.
O Burela medirase co Poio Pescamar, gañador do último duelo fronte ao Roldán. A eliminatoria resolveuse nos penaltis tras os tantos iniciais de Martita en propia porta e Laura Uña para empatar o encontro. Chuli acabou decidindo dende os once metros. Haberá semifinal galega na Copa da Raíña.