O Esplugues quítalle o ascenso ao Vilalba cun gol a 13" do final (4-2)
As galegas defendían unha renda de dous goles, e adiantáronse cun gol de Noelia Pires
Os erros na saída de balón penalizaron ás galegas, que concederon tres goles
Na prórroga Paula Rodríguez anotaba para clasificar ás galegas dous do final
Pilar marcou o tanto do ascenso a 13" deixando ao Vilalba sen premio
Non puido ser. O Vilalba FS quedou a un paso do segundo ascenso consecutivo, e de militar por primeira vez entre os grandes do fútbol sala feminino. O equipo galego caeu na eliminatoria decisiva despois de gañar 5-3 na ida, e caer por 4-2 en Esplugues, igualada que lles servía ás catalás, mellor clasificadas na Liga regular.
O Penya Esplugues, un conxunto que exhibiu a súa superioridade durante toda a Liga Regular, pero que caeu en Vilalba, lanzouse á busca dos dous goles que precisaba desde o comezo. Pero o equipo galego xogaba coa tranquilidade que lle daba a súa vantaxe, e pechou a súa portería durante ese treito inicial, cunha Alba moi segura baixo paus. Aos cinco minutos, Coral dispuña dun man a man que rematou fóra, nun aviso claro das locais. Volveu responder Alba ao seguinte disparo das catalás e, na primeira clara das galegas, estas abrían a conta. Foi cun remate co calcaño de Noelia Pires, de costas ante a porteira. Un gol que aumentaba a tres a renda na eliminatoria.
Aumentaba a esixencia para o Penya Esplugues, pero Alba seguía moi metida no partido para evitar a igualada e desesperar ás locais. Especialmente a Irina, que non axustaba o punto de mira e remataba moi desviado. Por parte das vilalbesas, Noe Pires seguía sendo a xogadora máis perigosa. Pero a máis clara tívoa Elvira, que bateu na cara da porteira Clara nun man a man.
Nos últimos minutos da primeira metade rachou o partido, e comezaron a sucederse as situacións de perigo. A tres minutos do descanso, un erro na saída de Marta aproveitouno Laia para igualar a un tanto. O Vilalba mantiña ao descanso a vantaxe de dous goles que metera na maleta unha semana antes na ida.
A segunda metade comezou coa mesma decoración. O Penya Esplugues seguía buscando o gol, e o Vilalba defendendo con solvencia. Aos 4 minutos, Celia Cata marcaba o dous a un que deixaba a eliminatoria máis pechada ca nunca. O tanto espoleou ás locais, e Irina estivo a piques de marcar o terceiro nese treito do encontro. Cando xa parecía que remitía este acoso local, Clara volveu tirar proveito dun erro na saída de Vilalba e anotou o terceiro. Gol que igualaba a eliminatoria, pero que lle daba vantaxe ao Esplugues no caso dun empate final. Así que lle tocaba a Vilalba botar o partido ás costas e buscar o 3-2. Marta Hermo tivo unha boa ocasión, pero respondeu Clara. E Alba fixo tamén unha gran parada para asegurar o tempo suplementario.
Na segunda metade da prórroga, nos tres minutos decisivos, Pasto entrou como quinta xogadora á busca da superioridade e do gol salvador. E este chegou a dous da conclusión, por medio de Paula Rodríguez.
O Vilalba tocaba o ascenso coas mans, pero aínda lles quedou tempo ás locais para atacar con porteira xogadora. Tiveron unha clara que salvou Alba cun paradón. E, a 13 segundos do remate, Pilar marcou o 4-2 definitivo, que deixaba ao Vilalba á beira do ascenso. O Penya Esplugues xogará na primeira división.