Gragera: "Nunca ninguén subiu en xaneiro"
Gragera destacou “a unión” que hai no vestiario a pesar dos últimos resultados
O centrocampista Jose Gragera pediu este xoves “unidade” ao deportivismo para superar a crise de resultados que atravesa o equipo, xa que, ao seu entender, nestes momentos malos é “cando se forxan os equipos de verdade”.
“Sempre creo que hai que ser paciente, relativizar a derrota e o erro. Hai que coller as derrotas, analizalas, aprender e mellorar con paciencia. Nunca ninguén subiu en xaneiro. Sabiamos que esta liga é complicadísima, que ía ser moi difícil e que haberá momentos bos, moi bos, regulares e malos”, manifestou en rolda de prensa.
Gragera destacou “a unión” que hai no vestiario a pesar dos últimos resultados -catro xornadas sen gañar e dúas derrotas seguidas a domicilio ante Málaga e Rácing de Santander-.
“Hai moitísimas cousas para mellorar, igual que as había nas primeiras xornadas cando se gañaba. Sempre hai que poñer énfase no que se fai menos ben. Pero creo que o equipo está a traballar para volver ter un pouco máis de paciencia en certas partes do xogo, para estar máis xuntos e traballar desde un bloque, que ao final é o importante. Todo chegará, é unha cuestión de tempo”, incidiu.
Tras superar unha lesión muscular no bíceps femoral esquerdo que lle obrigou a parar varias semanas, o exfutbolista do Español recuperou un posto no once do técnico Antonio Hidalgo.
“O mes parado despois de empezar xogando lastroume e si que o notei agora á volta. Pero estou moi a gusto, collendo ese ritmo que se perde ao estar un tempo de baixa”, afirmou.