Caballero anuncia que a bancada de Gol estará operativa en febreiro de 2027
Caballero: “A partir de aí, empezaremos inmediatamente a ampliar a bancada de Tribuna para ter os 43.000 que require o Mundial”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, afirmou este xoves que as obras da bancada de Gol van “a velocidade de cruceiro”, polo que o Celta podería ter operativo todo o estadio municipal de Balaídos en febreiro de 2027.
“No verán do 2026 vai instalar a malla que vai soster a cuberta da bancada de Gol. A obra estará finalizada a finais dese ano e cremos que debe de estar operativa en febreiro de 2027”, explicou.
Nun audio remitido aos medios, o rexedor vigués detallou que esta nova bancada terá unha capacidade de 7.000 espectadores, co que Balaídos terá unha capacidade total de 30.000.
“A partir de aí, empezaremos inmediatamente a ampliar a bancada de Tribuna para ter os 43.000 que require o Mundial”, incidiu Caballero
O alcalde de Vigo ten claro que Balaídos cumpre “todos os requisitos” para ser unha das sedes para o Mundial 2030.