O Burela toma vantaxe na semifinal contra o Futsi cun sufrido triunfo (4-2)
As locais colleron vantaxe de 3-0 na primeira metade, pero o Futsi reaaccionou con 2 goles
Emilly sentenciou no último minuto certificando o primeiro punto
O martes, segundo encontro da serie ao mellor de tres en Navalcarnero
Comezaron as semifinais polo título ligueiro do fútbol sala feminino. E, para o Burela, fixérono co primeiro partido en Vista Alegre diante do Futsi, que as galegas gañaron con máis apuros dos agardados no descanso.
Porque as galegas entraron mellor no partido, e abrían a conta no terceiro minuto de xogo. Patricia aproveitaba unha asistencia de Cami e anotaba o primeiro. Antes de chegar ao minuto 10, Debora facía o 2-0 cortando a reacción das madrileñas á contra. E a tres do descanso, Antía marcaba de volea logo dun córner.
Pero o tempo de lecer non lles sentou ben ás da Mariña. No cuarto minuto da reanudación encaixaban dous goles en so 20 segundos de reloxo. Foi cun tiro de Ari que bateu en Antía, e cun remate de Patri Blázquez no segundo pau.
Coa diferencia mínima, tocoulle apertar os dentes as xogadoras do Burela. A falta de cinco minutos chegou a máis clara do Futsi, cun lanzamento de falta que sacou Dany baixo paus. Xa no treito final, Caridad tamén apareceu para manter esa mínima vantaxe. Co Futsi envorcado chegou a sentenza nas botas de Emilly, que marcou no man a man o 4-2 definitivo. Primeiro punto para as luguesas, que poden selar o pase á final o martes no segundo encontro da serie en Navalcarnero. Se non é así, a serie volvería a Burela o sábado vindeiro.