Trece cociñeiros con estrela Michelin catan os produtos do mar e da terra da Coruña
Dentro da campaña Saudade, invitados pola Deputación da Coruña
As dúas xornadas enfócanse no traballo dos produtores
Trece cociñeiros galegos e do resto do Estado con estrelas Michelin coñecen estes días moi de preto o traballo de produtores do mar e do agro na campaña Saudade da Deputación da Coruña. E, por suposto, os produtos. En dous días de inmersión van catar o viño, o mexillón e a pataca da provincia.
Atafegada primeira xornada para mostrarlles o mellor do produto do mar e o do interior da provincia. Co foco posto sobre todo, nas xentes que fan posible que cheguen coa máxima calidade ás súas cociñas como nos explica Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña.
Que lle dean oportunidades ao ecosistema de xente moi nova, con moito talento, poucos recursos e moito esforzo está sacando unha economía que nos parece moi interesante para seguir mantendo poboación no rural.
Engaiolados, embarcaron cara a unha batea desde a lonxa de Ribeira, cos galegos como fachendosos embaixadores.
O importante, para min, é mostrarlles a riqueza e o por qué dese sabor e desa calidade, e a diferenza que hai con outros produtos do mar doutras partes do mundo, pero, sobre todo, as persoas que están detrás, relata Jaime Olleros do restaurante Culler de Pau, no Grove.
Esta maneira de vivilo é diferente, é unha inmersión no territorio, na xente que fai posible as bondades deste territorio, afirma Lucía Freitas do restaurante A Tafona, en Santiago.
Eles están superabertos e asombrados dos nosos produtos e as nosas cousas considera Pepe Vieira, do restaurante do mesmo nome.
Inmersión con explicacións a bordo e xa na propia batea.
Que eles teñan a oportunidade de valorar o produto, coñecer a orixe, é a mellor maneira de facer prescritores do noso, móstrase convencida Lucía Freitas.
Sostibilidade, cambio climático, innovación e produción da horta submarina van ser os temas de conversación dos cociñeiros no marco de Saudade.