Tras cinco semanas de peche obrigado reabre o mercado de gando de Silleda
A Consellería do Medio Rural levantou a prohibición de celebrar mercados para evitar a propagación da dermatose nodular cunha única restrición: que o gando proceda de Galicia e que leve na explotación 21 días antes de ir á feira
1.320 cabezas de gando bovino volveron encher os pavillóns do recinto feiral de Silleda. A Consellería do Medio Rural levantou a prohibición de celebrar mercados para evitar a propagación da dermatose nodular cunha única restrición: que o gando proceda de Galicia e que leve na explotación 21 días antes de ir á feira. Os tratantes estaban devecendo por volver á normalidade e a afluencia, aínda que algo menor do habitual, non defraudou.
Cada semana a Central Agropecuaria de Galicia adoita mover un millón e medio de euros. Son optimistas e agardan recuperar ese volume de facturación co pulo ademais do consumo de Nadal.
Unha vez rematada a poxa confirmouse esa tendencia á alza dos prezos. Os becerros de recría pagáronse de media a preto de 700 euros, case 1100 no caso da rubia galega. Os carniceiros rozaron os 2.000 euros de media.
Os feirantes auguran que os prezos seguirán subindo porque non hai gando abondo pola falta de remuda xeracional no sector.