Publicador de contidos

Publicador de contidos

Gandeiros galegos celebran o regreso de feiras e mercados: “É unha medida acertada”

Gandeiros galegos celebran o regreso de feiras e mercados: “É unha medida acertada”

Medio Rural fixa medidas preventivas ata o 31 de decembro

Arquivo TVG
G24.gal 01/12/2025 08:03

O presidente de Gandeiros Galegos da Suprema, asociación que agrupa os produtores de carne de Tenreira Galega Suprema, Santiago Rego, celebrou a decisión da Consellería do Medio Rural de volver autorizar a celebración de feiras e mercados de gando, que estaban suspendidas como medida de prevención fronte á Dermatose Nodular Contaxiosa.

En declaracións a EFE, Santiago Rego opina que a medida por parte da Xunta de Galicia é acertada e devolverá certa normalidade ao sector gandeiro galego, dado que as restricións ao movemento de animais dentro da Comunidade Autónoma tiña unha influencia directa no propio funcionamento das explotacións e na comercialización da produción.

“É acertada, porque hai que pensar que aquí en Galicia non chegou aínda a Dermatose, polo que é lóxico que permitan o movemento dos animais dentro da Comunidade Autónoma”, dixo o presidente de Gandeiros Galegos da Suprema.

“Ao limitar as concentracións de animais e as feiras, o que facían era imbricar un sistema que, na nosa opinión, é máis transparente”, engadiu Santiago Rego.

De feito, matizou: "Esa prohibición, que permaneceu en vigor ata o pasado día 30 de novembro, daba pé a que só tivésemos unha vía de comercialización, que é a de toda a vida: o tratante ou o operador que vén polas casas”.

“Ao non haber nin mercados, nin feiras nin concentracións de animais, non se alcanzan eses valores que teñen os animais nas feiras”. Os tratantes van explotación a explotación comprando, e iso fai que o prezo estea máis retido. Non hai esa alegría que se percibe nos mercados, recoñeceu Santiago Rego.

Ademais, a prohibición tamén afectaba á loxística das granxas, porque os gandeiros non podían concentrar os animais nun punto de carga para realizar aí a pesada, concluíu. 

Medidas preventivas

Dado que a enfermidade non rexistrou ningún caso en Galicia, Medio Rural estableceu medidas preventivas.

Dese modo, o gando que proceda doutras comunidades autónomas ou do estranxeiro deberá pasar unha corentena de 21 días, o mesmo ca o gando que estea en destino. É obrigatoria a desinfección dos vehículos de transporte de animais e non se poderán improvisar poxas ou certames sen autorización previa.

As normas estarán vixentes ata o vindeiro 31 decembro, con posibilidade de prórroga en función do avance da enfermidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade