Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rusia tenta avanzar no Donbás, tras a rendición completa de Mariupol

Rusia tenta avanzar no Donbás, tras a rendición completa de Mariupol

Zelenski pide que os activos incautados a Rusia se destinen a reconstruír o país

G24.gal 21/05/2022 14:05 Última actualización 21/05/2022 14:21

A Cruz Vermella intenta reunir datos dos combatentes que saíron da metalurxia de Mariupol como prisioneiros dos rusos. As autoridades ucraínas din que tratarán de intercambialos, pero o futuro que lles espera é incerto.

Moscova distribuíu imaxes do último grupo, de 531 homes, rendéndose. Di que desde o domingo saíron do complexo e depuxeron as armas case 2.500, a maioría membros do Batallón Azov, que cualifica de criminais de guerra. O voceiro do Ministerio de Defensa ruso falaba de "liberación completa" de Mariupol.

Tras a caída deste símbolo da resistencia ucraína, as tropas do Kremlin céntranse en avanzar no Donbás, onde se reportou nas últimas horas a morte de varios civís.

Desde a administración estatal de Donetsk contabilizaron 400 veciños mortos desde que empezou a guerra, e en Lugansk aseguran que hai cidades tan estragadas polos bombardeos rusos como Mariupol.

O presidente Volodímir Zelenski pídelle a Occidente un acordo formal para que os activos rusos incautados nos países aliados vaian a Ucraína como compensación polas perdas sufridas.

Contraataque ruso

Rusia contraataca a resposta de Occidente. Este sábado cumpriu a ameaza de cortarlle o gas a Finlandia. O país nórdico, que presentou formalmente o mércores o seu ingreso na OTAN, é o terceiro da Unión Europea que deixa de recibir gas ruso, por non pagalo en rublos.

Respecto ás novas solicitudes de ingreso, Hungría defende ante todo a importancia de preservar a unidade da Alianza. 

O ministro de Exteriores húngaro sostén que Suecia e Finlandia deben ter en conta e abordar as sensibilidades de Turquía para preservar esa unidade.

Turquía bloquea estas adhesións co argumento de que os dous países apoian organizacións terroristas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade