Os líderes da UE piden acelerar rearmamento militar e lograr rápido pacto comercial cos EUA
Bruxelas examina as últimas esixencias de Trump para un acordo comercial antes do 9 de xullo
Os líderes europeos, coa excepción do húngaro Viktor Orbán, apoiaron un documento en que se pide a Rusia que mostre vontade política real para poñer fin á guerra de agresión contra Ucraína e para implicarse en negociacións de paz
Sánchez: "Ser europeísta e ser atlantista non implica un seguidismo cego"

A Comisión Europea xa examina a última oferta dos Estados Unidos para alcanzar un acordo comercial antes do 9 de xullo, cando finaliza a tregua arancelaria, e expresou a súa vontade de negociar un pacto con Washington, aínda que recoñece que todos os escenarios están sobre a mesa.
A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, confirmou que Bruxelas recibiu este xoves o último documento dos Estados Unidos para negociar un acordo sobre o choque arancelario antes da data límite.
"Estamos dispostos a chegar a un acordo. Ao mesmo tempo, estamos a prepararnos para a posibilidade de que non se alcance un acordo satisfactorio", argumentou a presidenta comunitaria. Nese caso, Bruxelas defenderá o interese europeo segundo sexa necesario, incidiu. "En resumo, todas as opcións seguen sobre a mesa", sinalou Von der Leyen.
Tras o cumio tanto Francia como Alemaña mostráronse pragmáticos para pechar un acordo rápido que de certeza a Europa. O presidente francés, Emmanuel Macron, defendeu que está no "interese propio" da UE lograr unha "clausura rápida" dun acordo con Washington, debido a que mentres non se peche un pacto aplicaranse "aranceis exorbitantes" aos sectores europeos do aceiro, o aluminio ou o automóbil.
"Prefiro un acordo rápido e sinxelo a un lento e moi complicado", afirmou, pola súa banda, o chanceler alemán, Friedrich Merz, quen apremou á Comisión Europea a pechar un acordo pronto e "non complicalo demasiado", xa que quedan "menos de dúas semanas" para que expire a tregua arancelaria pactada por Washington e Bruxelas.
Pola súa banda, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, defendeu que apoia o acordo ao que chegue a Comisión Europea e botou un capote a Von der Leyen ao sinalar que ten "total confianza" no seu papel para pechar un pacto.
Do seu lado, o presidente do Consello Europeo, António Costa, subliñou que "un acordo é sempre mellor que un conflito e cero aranceis é sempre mellor que un arancel". "A incerteza é a peor cousa para a nosa economía", subliñou, para insistir en que os europeos deben "dar certeza" á súa economía, os seus investidores, traballadores e empresas "canto antes".
Mentres, o primeiro ministro de Polonia, Donald Tusk, defendeu que os 27 sexan unha "verdadeira comunidade" e ser "creativos, intelixentes e ás veces imprevisibles", como segundo ironizou son os "amigos do outro lado do Atlántico".
Acelerar o rearmamento
En plena coherencia coa OTAN, que no seu cumio da Haia do mércores decidiu investir o 5 % do PIB en gastos de defensa e relacionados en dez anos, os Vinte e sete acordaron acelerar a consecución das capacidades militares da UE. Na conferencia de prensa ao final do cume, o presidente do Consello Europeo António Costa sinalou que onte os países aliados decidiron aumentar o seu gasto de defensa a un 5 % do PIB e os comunitarios se centraron hoxe en falar de como gastar mellor, investir xuntos, de maneira máis racional, máis eficiente, como un equipo, para alcanzar os obxectivos de capacidades militares requiridos para a disuasión.
“Non necesitamos duplicar as mesmas capacidades en cada Estado membro. Non fai falta multiplicar por 27 (países europeos) os nosos investimentos en defensa. O que necesitamos é eficiencia e unha repartición xusta da carga. O que necesitamos é construír un sistema común de defensa europea que disuada a agresión”, agregou. Para iso, encargaron á Comisión Europea e á xefa da diplomacia da UE Kaja Kallas unha folla de ruta para chegar aos obxectivos comúns de defensa en 2030, ao ver necesario seguir aumentando substancialmente o gasto en defensa e seguridade de Europa e investir mellor xuntos.
Un ansiado pacto comercial cos EUA
Os líderes da UE confiaron en que as conversacións comerciais cos Estados Unidos cheguen a bo porto antes da data limite do 9 de xullo para evitar unha escalada arancelaria, mentres que o primeiro ministro de Hungría Viktor Orbán cargou contra a debilidade dos negociadores europeos.
Á súa chegada ao cumio, o presidente do Goberno español Pedro Sánchez cualificou como inxustos os aranceis de Trump e respondeu as súas ameazas arancelarias polo seu gasto na OTAN subliñando que España é un país soberano e lembrando que a competencia na política comercial da UE é da Comisión Europea.
"Hoxe recibimos o último documento dos EUA para continuar a negociación: as regulacións. Estamos a avalialo neste preciso momento. A nosa mensaxe de hoxe é clara: estamos listos para un acordo. Ao mesmo tempo, preparámonos para a posibilidade de que non se alcance un acordo satisfactorio", anunciou a presidenta da Comisión Europea Ursula von der Leyen na conferencia de prensa ao final do cumio.
Gaza
Tamén tomaron nota os líderes europeos do informe presentado pola xefa da diplomacia comunitaria, que apunta a que Israel podería estar a vulnerar as súas obrigacións cos dereitos humanos en Gaza, e instaron a continuar os debates sobre iso en xullo. "A situación humanitaria alí (en Gaza) é catastrófica e os dereitos humanos están a ser violados. A revisión do cumprimento por parte de Israel do noso acordo de asociación confirmouno", sostivo Costa.
Nesa mesma liña, Von der Leyen afirmou que a situación en Gaza segue sendo abominable e insoportable e urxiu a que a axuda humanitaria chegue ao enclave inmediatamente, sen pexas, con rapidez e a grande escala.
Ucraína
Os líderes europeos, coa excepción do húngaro Viktor Orbán, apoiaron un documento en que se pide a Rusia que mostre vontade política real para poñer fin á guerra de agresión contra Ucraína e para implicarse en negociacións de paz. Do mesmo xeito, os vinte e seis destacaron o valor das sancións e celebran a adopción do décimo sétimo paquete da UE contra Rusia, pediron máis medidas contra a frota na sombra de Rusia, que se utiliza para evitar as sancións dos Vinte e sete e adoptar un novo paquete, o décimo oitavo.
Costa e Von der Leyen dixeron que está moi avanzado e confiaron en que se aprobe pronto. "Canto máis firmes sexan as súas decisións, máis firme será a nosa defensa e máis preto estará a paz", dixo o presidente ucraíno Volodimir Zelenski aos líderes europeos por videoconferencia.
Potenciar o euro fronte ao dólar
Os líderes da UE instaron a aproveitar o contexto actual para reforzar o papel do euro como divisa internacional e disputar a hexemonía do dólar como divisa mundial nun momento de dúbidas sobre o futuro da economía dos Estados Unidos. Chaman así a percorrer un camiño que xa marcou recentemente a presidenta do BCE Chtistine Lagarde, nun momento no que a UE se comprometeu a mellorar a súa competitividade económica e para iso necesita non só atraer grandes investimentos, senón evitar que os aforros dos europeos se muden aos mercados norteamericanos de capitais.