Transportes formaliza o contrato para o estudo da variante do AVE por Cerdedo
O informe analizará a mellora da conexión de Ourense con Pontevedra e Vigo a través dun trazado que Transportes cualifica de "gran complexidade técnica"

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible formalizou o contrato para iniciar a redacción do estudo informativo complementario que permita tramitar a avaliación de impacto ambiental da variante ferroviaria de Cerdedo.
O obxectivo desta variante na rede galega de alta velocidade ferroviaria é o de mellorar a conexión de Ourense con Pontevedra e Vigo.
Este estudo, para o que se destinan case 836.000 euros, foi adxudicado á UTE formada polas empresas Antea Iberolatam, Meta Engineering e Instrumentación Geotécnica e Estrutural.
O documento encargado dará continuidade aos traballos xa realizados para a execución dun tramo ferroviario que, segundo Transportes, ten unha "gran complexidade técnica", particularmente no que se refire á hidroxeoloxía do trazado.
Este novo estudo completará as análises realizadas e adaptará todo o expediente relativo a esta actuación aos cambios normativos que tiveron lugar nos últimos anos.
Para poder someter este proxecto a información pública e á avaliación de impacto ambiental á que obriga a lexislación, este estudo deberá incluír unha campaña xeolóxica e xeotécnica e a redacción do estudo informativo complementario.
Neste último apartado, os redactores deberán describir a solución técnica xa definida, adaptada á normativa actual e incorporar tanto as análises previas como os resultados da nova campaña xeotécnica, coa inclusión do estudo de impacto ambiental
O Ministerio de Transportes afirma que este trámite "é unha mostra máis" do seu compromiso con Galicia e coa cidade de Vigo, en cuxa contorna se están realizando outros estudos ferroviarios co fin de mellorar a súa conexión con Portugal e a súa operatividade ferroviaria.