Os cazadores galegos continúan coas batidas de xabaríns ante o risco da peste porcina
Recoméndase non tocar nin achegarse a calquera súido que se atope morto
Malia que en Galicia non se detectou o virus en ningún súido, este martes haberá unha xuntanza de traballo en Santiago entre responsables de Medio Ambiente, Medio Rural, Sanidade, Seprona e a Federación Galega de Caza, entre outros organismos, para concretar as medidas que se van tomar para impedir a chegada dunha enfermidade que é moi contaxiosa entre os porcos e os xabarís e que, polo de agora, non saltou a outras especies.
Ata daquela, o principal é que se vostede atopa, por exemplo, un porco bravo morto non o toque nin se achegue a el, e avise axiña ao Seprona para evitar así unha hipotética propagación do virus.
"No caso de que atopemos un animal morto ou con sinais de estar enfermo, non debemos achegarnos e temos que avisar á autoridade sanitaria competente. Non debemos manipulalo ante o risco de diseminar unha enfermidade de xeito involuntario", di Luis Fidalgo, presidente da Federación Galega de Caza.
Esta mañá o presidente da Federación Galega de caza entregaba na Fonsagrada o material necesario para a recollida de mostras dos animais que os cazadores matan nas batidas para que poidan ser analizadas. Polo de agora aínda non se analiza o virus da peste porcina nos xabaríns mortos.
A Xunta anima aos cazadores das zonas nas que haxa granxas porcinas a que cubran o límite de xabaríns a captuar, pero segundo o presidente da Federación Galega de caza, nas zonas de tecores estase cazando ao máximo, onde ve o perigo para a transmisión do virus é nas áreas periurbanas.
"En todas as zonas acotadas o control dos xabaríns estase facendo mediante a caza, pero nas zonas urbanas e periurbanas están libres de caza, polo que os xabaríns entran en contacto cos humanos, incluso se alimentan nos contedores de lixo. Esa poboación, que non é moi abundante, é a que é perigosa para a transmisión da enfermidae" engade Luis Fidalgo.