Transportes destina 38 millóns extras para reparar as estradas galegas tras temporais
"Revisamos a rede, identificamos os puntos deteriorados e, en canto o tempo deu unha tregua, puxémonos en marcha", asegurou o delegado do Goberno, Pedro Blanco
O Ministerio de Transportes vai destinar unha partida extraordinaria de 38 millóns de euros para reparar os danos provocados polos temporais nas estradas galegas da rede estatal, o que eleva o orzamento anual para conservación á cífra récord de 167 millóns.
O delegado do Goberno, Pedro Blanco, presentou este xoves os principais números do plan especial de reparación e conservación en Ordes (A Coruña), onde supervisou o inicio das obras na N-550.
Este será un dos case 2.000 puntos onde o Goberno central prevé facer traballos de conservación e reparacións nos próximos meses na rede estatal de estradas en Galicia, unha "resposta extraordinaria ante unha situación extraordinaria" que provocaron as borrascas de finais de 2025 e inicios de 2026, sinalou Blanco.
"As estradas galegas sufriron condicións meteorolóxicas moi adversas que provocaron danos importantes. Revisamos a rede, identificamos os puntos deteriorados e, en canto o tempo deu unha tregua, puxémonos en marcha", asegurou.
Este xoves arrincaron os traballos na N-550 en Ordes pero tamén na N-634 en Barreiros (Lugo), a A-52 en Verín (Ourense) e a N-640 en Cuntis (Pontevedra).
Está previsto que este venres, os subdelegados do Goberno en cada unha das catro provincias presenten de forma máis detallada os traballos que se realizarán.
Van facer traballos de asfaltado en 262 quilómetros da rede, cun investimento medio de 80.000 euros por quilómetro de vía, detallou o delegado.
Nos traballos participarán 200 operarios, 75 máquinas e 60 camións, que pasarán por algunhas das principais vías da rede estatal en Galicia, como a A-6, a A-52 e a A-8.
"O noso obxectivo é garantir estradas seguras, modernas e en boas condicións en toda Galicia", defendeu Blanco, que engadiu que o despregamento dinamizará tamén o sector da construción en Galicia.
Desde 2018, o Goberno investiu 570 millóns de euros en traballos de conservación en Galicia, aos que se suman os 167 millóns deste ano.
Durante a súa visita ás obras na N-550 á altura de Ordes, Blanco estivo acompañado polo alcalde deste municipio, José Luis Martínez Sanjurjo, e o xefe da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, Ángel González del Río.