A Xunta entrega as primeiras 74 chaves das vivendas públicas comprometidas
Rueda di que a entrega é o primeiro paso para acadar o obxectivo de duplicar o parque público de vivenda en Galicia nesta lexislatura
As familias van pagar de media entre 130 e 180 euros de alugueiro
Son 74 familias que comezan unha nova etapa. Aroa é unha das adxudicatarias da vivenda e explica que está "contentísima porque levaba moito tempo esperando este momento". Marcos, tamén adxudicatario, di que o piso supón "un novo comezo, para sacar a vida adiante".
Son 4 edificios ubicados no barrio pontevedrés de Valdecorvos, con vivendas de alugueiro a prezos asequibles. De media as familias van pagar entre 130 e 180 euros ao mes.
Irene estaba vivindo na casa duns familiares "porque era imposible acceder a unha vivenda". Aroa alegrase de que vai pagar "moito menos do que estábamos pagando e eu vivía nun terceiro sen ascensor -conta- e esta vivenda é preciosa, máis do que agardábamos".
Son fogares modernos e eficientes. A metade para menores de 36 anos. Alfonso Rueda di que marcan o camiño para acadar o obxectivo de duplicar o parque público de vivenda en Galicia ata chegar ás 8 mil no 2028. O presidente da Xunta asegura que esta é "unha das actuacións en vivenda pública da Xunta máis importantes. Nos próximos meses seguiremos entregando máis e máis vivendas e cada vivenda é unha aventura vital, dende a xente máis nova ata a que traballou toda a vida e merecía isto".
A Xunta destaca que o 60% dos fogares comprometidos están xa en construción ou coas obras licitadas.