Tráfico reforza esta semana os controis de alcohol e drogas
Coincidindo coas vacacións e as festas recordan que, ao volante, a única taxa segura é 0,0%
A metade dos falecidos nas estradas en 2021 inxeriran alcohol, drogas ou psicofármacos
Conducir baixo os efectos do alcohol e as drogas pode custarlles 1.000 euros, seis puntos, pena de cárcere, ou, moito peor, a súa propia vida ou a doutros.
"Na metade dos accidentes mortais a autopsia detecta consumo de alcohol ou drogas. Estas substancias están detrás de moitos sinistros, un de cada catro, por iso temos que erradicalo das estradas", explica o garda civil Héctor Teixeira.
Co fin de previr accidentes e disuadir os condutores de que bebesen nestes días de festas, tráfico reforza ata o domingo os controis. Poden atopalos de día e de noite e en todo tipo de estradas.
"A taxa 0,0% é a máis segura e a mellor de todas, se collemos o coche temos que mentalizarnos e non beber nada", engade o axente Teixeira.
Amais, tráfico invita a que os concellos de máis de 25.000 habitantes se unan á campaña instalando controis nos cascos urbanos para abranguer todo tipo de vías, tamén as que están máis cerca dos centros de consumo.