Tito Díaz, na previa do decisivo partido do Breogán: "Son favoritos pero imos dar guerra"
"Vimos de dar a cara en Valencia que é un rival máis forte que o Karsiyaka", asegura o director xeral
O Breogán afronta en Turquía un dos grandes partidos europeos da temporada. Xógase nun partido a entrada no R16 da Basketball Champions League. Teno que facer nunha pista na que case ninguén gañou esta temporada, a do Pinar Karsiyaka. E metido nos postos de descenso na ACB.
Malia todo o director xeral do club é ambicioso. Tito Díaz recoñece que "o normal é que gañe o equipo da casa pero nós cada vez estamos competindo mellor". Considera Tito que o partido de Valencia do domingo é un claro exemplo: "Fixemos un gran encontro nunha pista dun rival de Euroliga, moito máis complicada que a do Pinar", algo que lle dá esperanza para afrontar este terceiro encontro.
Ata o de agora os dous anteriores partidos decidíronse por detalles e diferenzas moi pequenas. Este verémolo a partir das 18:30 na G2 e en eventos.crtvg.gal.