Ter mascota complica atopar piso
En España só o 6,58 % dos alugueiros admiten mascotas
Case un 23 % das vivendas de alugueiro en Galicia permiten animais de compañía e lidera a media do Estado
Dentro de Galicia, os caseiros de Ferrol son os máis amigables cos animais; os de Ourense, os que menos
Segundo un informe publicado por unha plataforma de alugueiros, Galicia é a comunidade co maior número de vivendas que permiten animais de compañía. Se fose propietario permitiríaos?
"Si que o permitiría, porque igual que eu considero que o meu can é da miña familia entendo que unha persoa queira aloxarse coa súa familia, co seu can". "Diría que non, pero se é tranquilo e iso pois por que non?, son como persoas case". "Eu particularmente si, porque, claro, gústanme os animais", comentan varias persoas.
Un 62 % dos españois confesa estar disposto a aceptar mascotas no hipotético caso de alugar un piso, pero a realidade do mercado inmobiliario dista bastante.
"Xa cando veñen aquí propietarios para deixar pisos e demais en alugueiro xa a gran maioría xa che din que mascota non", recoñece Mariola Varela, administradora na inmobiliaria Vilamoura.
O problema é o medo aos estragos.
"Eu creo que fai máis estrago a xente realmente que as mascotas, que os animais". "Non todos os responsables de mascotas son irresponsables", comentan propietarias de animais.
De feito as experiencias adoitan ser moi positivas.
"Por agora, polos pisos que alugamos non tivemos nunca ningún problema", conta Mariola.
Dada a alta demanda ás inmobiliarias non lles queda outra que ofrecer garantías
"Cobertura de seguro para mascotas, por exemplo, que cobre todos os danos que fagan as mascotas dentro da vivenda", explican dende a inmobiliaria.
En moitos casos xa non depende nin dos propietarios, son as comunidades de veciños as que as prohiben, e abocan os inquilinos a tomar decisións traumáticas e os animais a un futuro incerto.
"Buscar un lugar de acollida para o seu can ou para o seu gato ou deixar o can no refuxio, e sei que hai moitísimos cans nesta situación no refuxio", lamenta unha rapaza.