Os veterinarios advirten dos danos físicos e psicolóxicos da pirotecnia nas mascotas
Cada vez máis comisións de festas tentan buscar un equilibrio entre as tradicións e o benestar animal
Os animais son moi sensibles aos ruídos fortes, o que lles provoca ansiedade e mesmo danos físicos
Cada vez hai máis conciencia do impacto que supón a pirotecnia en persoas con autismo ou con hipersensibilidade auditiva. Moitas asociacións de benestar animal lembran o que sofren tamén as mascotas. As comisións de festas vense obrigadas a equilibrar as tradicións coa demanda de protexer os animais.
As bombas de palenque e os fogos de artificio sempre formaron parte das festas e celebracións. Pero as mascotas e outros animais salvaxes poden ser moi sensibles aos ruídos fortes, o que lles provoca ansiedade, estrés e danos físicos.
Crear refuxios na casa, poñer música suave ou tirar de calmantes nos casos máis graves son algunhas solucións. Cada vez son máis as comisións de festas que tentan buscar un equilibrio entre os veciños que priman as tradicións e os que apostan por alternativas como a pirotecnia silenciosa.
Un exemplo é a nova comisión de Vilaxoán, formada por rapaces novos entre 20 e 25 anos, que reduciron á metade o orzamento deste ano para a pirotecnia, tentando contentar ás dúas partes. Eles tamén pensan que isto irá cambiando pouco a pouco en prol do benestar animal.
A comisión de festas de Priegue, en Nigrán, xa decidiu renunciar aos fogos artificiais o ano pasado, e Moaña suprimiunos na procesión apostando por pirotecnia só visual. Pouco a pouco aumenta a concienciación sobre os danos ás mascotas e tamén a persoas con hipersensibilidade auditiva, autismo e outras doenzas.