Taxistas de Vigo denuncian unha serie de estafas no pago por transferencia
Un mozo ao que lle saía denegado o pago con tarxeta ofrecía logo a transferencia como alternativa
Deixou impagados polo menos cinco servizos que van de 9 ata 180 euros
Amais de denuncialo na policía, publicaron o seu perfil nos grupos de taxistas para alertar os compañeiros
Os taxistas de Vigo comparten estes días nos seus grupos de contacto o perfil dun mozo que nas últimas semanas lles meteu varios calotes. Polo menos cinco profesionais denunciaron xa na Policía o modus operandi do presunto estafador que, de entrada tentaba pagar o importe das viaxes con tarxeta e ao recibir a resposta de pago denegado, pedíalles o número de conta para facer unha transferencia que nunca chegaba a consumarse.
De feito, este é un sistema de pago que moitos taxistas tentan evitar, a menos que sexa das que se cargan de inmediato, algo que ten un custo extra para o cliente.
Os importes denunciados neste caso van desde os 9 euros dunha carreira urbana ata os 130 ou 180 doutras de Vigo ata o Ribeiro. Os afectados deron a alerta para evitar que abuse da confianza doutros taxistas e tamén para que se sumen ao historial do suposto estafador que xa conta ao parecer con outros antecedentes policiais por este tipo de delitos.