Deteñen un home na Coruña por maltrato dos fillos, incluso tentando atropelar un deles
O arrestado quedou en liberdade tras pasar a disposición xudicial cunha orde de afastamento dos dous fillos
Un home foi detido na madrugada deste domingo na Coruña por un delito de malos tratos no ámbito familiar tras un altercado na vía pública cos seus fillos.
A detención tivo lugar sobre as 2:20 horas da madrugada, pouco despois de que o home protagonizara unha lea cos seus dous fillos.
O home foi arrestado por un delito de malos tratos no ámbito familiar, outro de resistencia e desobediencia á autoridade no momento da detención e un último de seguridade de tráfico, xa que tratou de fuxir no seu vehículo.
De feito, fontes da Policía Nacional sinalaron que supostamente o home tentou atropelar un dos fillos.
"Escoitáronse moitos berros. Era o noso veciño, que viviu aquí desde pequeno. Intentaba levar no coche o seu fillo pequeno, de 16 anos. E o seu irmán, de 21, trataba de impedilo. Tiña o coche parado no medio da rúa e el estaba bastante prexudicado", comentan os veciños da rúa Vista Alegre. "Baixaron para intentar defendelos porque se estaba leando unha tremenda!".
"Cando veu a policía, el montou no coche. Intentou primeiro subilo á beirarrúa e case leva por diante os fillos e uns rapaces que estaban con eles, e despois marchou no coche. A policía foi atrás del".
Os axentes lograron prendelo nunha rúa próxima, a carón do parque de Santa Margarida. "El púxose moi agresivo coa policía, estaba bastante bébedo. Mallou no seu fillo maior e tirouno ao chan. Foi moi desagradable".
Tras prestar declaración ante o xuíz, este luns á mañá, decretouse a súa posta en liberdade, pero cunha orde de afastamento dos dous fillos.