Morre a muller que foi estrangulada pola súa parella en Málaga hai cinco días
Das primeiras pescudas despréndese que o home intentou estrangular a súa muller e que posteriormente se aforcou e morreu, segundo a Policía
Ningún dos dous estaba no sistema Viogén
Fontes sanitarias indicaron que a familia da vítima comunicou que doará os seus órganos
A muller de 35 anos que o 16 de setembro foi estrangulada pola súa parella no domicilio familiar de Málaga, en presenza da súa filla menor, faleceu este luns, segundo informaron fontes sanitarias.
A muller estivo ingresada nun centro hospitalario de Málaga, na unidade de coidados intensivos (UCI), desde que a súa filla avisou o 16 de setembro ao servizo de emerxencias 112 de que o seu pai intentaba estrangular á súa nai.
Os axentes que acudiron ao domicilio, na rúa Leoni Benabú, acharon a muller en parada cardiorrespiratoria, polo que lle practicaron manobras de reanimación e coordinaron o seu traslado a un centro hospitalario.
Das primeiras pescudas despréndese que o home intentou estrangular á súa muller e que posteriormente se aforcou e morreu, segundo a Policía.
Fontes sanitarias indicaron que a familia da vítima comunicou que doará os seus órganos.
Ningún dos dous estaba no sistema Viogén, e desde o primeiro momento, os investigadores advertiron de que se trataba dun caso de violencia machista.
A chamada da menor mobilizou a Policía e os servizos sanitarios, que antes da súa derivación ao Hospital Rexional de Málaga tiveron que estabilizala para o seu traslado á UCI, onde permaneceu estes cinco días en estado crítico.
As vítimas da violencia machista e a súa contorna poden pedir axuda en distintos recursos activos todos os días da semana e as 24 horas do día: o teléfono 016, o correo electrónico 016-online@igualdad.gob.es e a canle do WhatsApp no número 600 000 016. O teléfono de atención da Xunta de Galicia contra a violencia machista é o 900 400 273. É gratuíto e anónimo, non deixa rastro na factura telefónica, funciona as 24 horas do día e ten cobertura en toda Galicia. Nunha situación de emerxencia pódese chamar ao 112 ou aos teléfonos de emerxencias da Policía Nacional (091) e da Garda Civil (062) e, se non é posible facer esa chamada, en caso de perigo existe tamén a opción de activar a aplicación ALERTCOPS, que envía un sinal de alerta á Policía con xeolocalización.