Publicador de contidos

Publicador de contidos

As Tanxugueiras recoñecen que o éxito lles dá respecto porque "é volátil"

As Tanxugueiras recoñecen que o éxito lles dá respecto porque "é volátil"

Foron entrevistas no espazo "No foco" do programa Bos días da Televisión de Galicia

O trío defendeu a pandeireta como elemento principal da súa música

Aida adiantou que van sacar un disco

Jessica Fernández 04/03/2022 10:28

As Tanxugueiras foron entrevistadas no espazo "No foco" dos Bos días da Televisión de Galicia polo presentador Marcos Sueiro, quen as fixo reflexionar sobre o incremento do seu éxito tras a posta en escena do seu tema "Terra" no Benidorm Fest.

Olaia e Sabela Maneiro e Aida Tarrío explicaron que aínda non son "conscientes" da propia situación que están a vivir ao ser coñecidas e que non se consideran "famosas". Incluso, Aida di que, para ela, "famosa é Beyoncé".

"A pandeireta é o elemento principal da nosa música e a música tradicional é a base de Tanxugueiras"

Tamén falaron da pandereita, que segundo Sabela, ocupa un papel principal na súa música. Ela, ademais, contou que tivo que reconciliarse con ela porque de pequena tiña moita presión ao participar en diferentes concursos de música con nenos e, ao final, colleulle odio.

Sueiro preguntoulles tamén pola música tradicional, que segundo Aida "é a base de Tanxugueiras". Aida nunca deixou de bailar, mentres que Sabela e Olaia deixaron de bailar hai moitos anos.

Éxito internacional

Despois das confesións sobre a súa música, o presentador volveu ao fenómeno Eurovisión, en que foron demostrar que podían representar a España. Olaia destacou que durante a posta en escena quixeron transmitir toda a súa forza ao sentir que toda Galicia estaba enriba do escenario con elas.

Porén, o trío de pandereiteiras recoñeceu que lles dá respecto o éxito porque "é volátil, un día telo e ao outro non". Sabela explicou: "Isto é efémero e hai que traballalo día tras día". Aida engadiu que por moito talento que haxa, necesítase esforzo e traballo.

Olaia, ademais, declarou que viven "só para Tanxugueiras, nin familia, nin amigos" e Sabela explicou que "renuncias a unha vida social" e que con respecto a, por exemplo, unha parella, "hai que atopar alguén que entenda o pouco tempo que tes".

Sueiro, vendo o matiz que tomaba a entrevista, preguntoulles se era duro ser observado, ao que Sabela respondeu que "depende como o tomes" e Aida contou unha anécdota do Benidorm Fest en que baixou á recepción do hotel en pixama e "se armou gorda".

Futuro musical

Con respecto ao futuro da música das Tanxugueiras, Aida adiantou que están a piques de sacar un disco, pero explicou que teñen que seguir pensando no futuro. Teñen pensado facer colaboracións con outros artistas que, segundo Olaia, lles dan consellos e as arroupan neste camiño.

Gustaríalles colaborar con calquera artista porque non teñen un estilo pechado e Sabela di que o futuro está "aberto e potente". Pero, para comezar, o 26 de marzo comezan a súa xira na sala Pelícano da Coruña e de aí seguirán sen parar.

As Tanxugueiras e o compromiso coa lingua galega

As Tanxugueiras séntense orgullosas do gran labor que están facendo en prol da lingua, pero din ser conscientes de que hai grupos que levan moitos anos abrindo camiño en Galicia cantando en galego e que elas queren facer o mesmo coas novas xeracións de artistas galegos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade