Talgo recoñece atrasos na entrega dos trens Avril por "causas de forza maior"
Entre os factores que afectaron, a compañía destacou as caídas de produción e interferencias na cadea de subministración con motivo da covid-19 e outros "eventos xeopolíticos"
A Xunta reclama solucións e non que se busquen culpables

Talgo recoñeceu "determinados atrasos" nos prazos de entrega a Renfe de trens de moi alta velocidade e asegurou que estes se deberon principalmente a "causas de forza maior", segundo comunicou á Comisión Nacional do Mercado de Valores.
A firma lembrou que Renfe informou o xoves de que estaba a analizar, para valorar as posibles penalizacións correspondentes, o contrato de fabricación de 30 trens Avril de moi alta velocidade para a súa entrega a Renfe.
Talgo recoñeceu "determinados atrasos" nos prazos de entrega durante o transcurso do proxecto xerados principalmente "por causas de forza maior". Entre os factores que afectaron, a compañía destacou as caídas de produción e interferencias na cadea de subministración con motivo da covid-19 e outros "eventos xeopolíticos".
A firma sinalou que outros factores que motivaron os devanditos atrasos na entrega dos trens a Renfe son outras causas "exóxenas" a Talgo que están a provocar atrasos nos procesos de probas e tamén de homologación.
"O proxecto atópase actualmente en proceso de probas dinámicas e homologación e espérase poder terminalas proximamente", indicou a compañía.
Renfe anunciou este mércores, "tras constatar o atraso por parte de Talgo" na entrega dos trens de alta velocidade S106, que está a analizar o contrato para determinar as "posibles penalizacións correspondentes", xa que a entrega das primeiras unidades estaba prevista para xaneiro do ano pasado e "a empresa construtora non fixou data de entrega definitiva".
Talgo conseguiu a fabricación de 30 trens de alta velocidade dos que 15 unidades serán de ancho variable que poden circular por vía convencional e estándar. O investimento nestes trens é de 786,5 millóns de euros. Renfe indicou que os novos trens permitirían mellorar a súa oferta en todo o ámbito AVE-Longa Distancia e apuntou que a súa frota non aumentou nos últimos anos, pero si as relacións ferroviarias.
"Non nos vale que busquen chibos expiatorios"
O presidente da Xunta Alfonso Rueda dixo que "o que valen son as solucións" e acusou ao Ministerio e a Renfe de non interesárense por este asunto, "porque parece que non era prioritario", ata que a Xunta os requiriu.
"Non nos vale buscar culpables, nin chibos expiatorios", dixo Rueda logo de que Renfe sinalase a responsabilidade da empresa nos atrasos.
"O que temo é que o Ministerio non contaba a verdade", dixo Alfonso Rueda, quen asegurou: "Sempre que preguntamos, dicían que se mantiñan os prazos, ata que o preguntamos por escrito".
"O impacto no turismo é grandísimo", concluíu o presidente da Xunta.