O plan de vialidade do Estado mobilizará 103 quitaneves e 20.000 toneladas de sal
Pedro Blanco, o delegado do Goberno en Galicia, destaca o aumento de medios do Goberno na campaña de vialidade invernal para "asegurar a máxima seguridade" nas estradas
A comunidade galega contará ademais con máis de 450 profesionais e máis de 3.257.000 de litros de salmoira
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, informou do aumento dos medios do Goberno central na campaña de vialidade invernal, para "asegurar a máxima confianza e seguridade" dos condutores galegos nas estradas.
Tal e como trasladou a Delegación do Goberno en Galicia nunha nota de prensa, Blanco incidiu este xoves en Allariz que o Ministerio de Transportes está a poñer "todos os medios dispoñibles" para a campaña de vialidade invernal que está operativa ata o 30 de abril de 2026.
En concreto, Galicia contará con máis de 450 profesionais, 103 máquinas quitaneves, 20.000 toneladas de sal e máis de 3.257.000 de litros de salmoira. Así, as actuacións previstas inclúen tratamentos preventivos e curativos sobre o firme en situacións de baixas temperaturas e presenza de neve e xeo.
Durante a súa intervención, Blanco, agradeceu a todos estes profesionais "o seu esforzo e implicación" a favor de todos os galegos.
Desde o Centro de Conservación de Allariz xestiónanse os medios de vialidade para a Rede de Estradas do Estado na zona centro da provincia de Ourense, contando con sete quitaneves, mil toneladas de sal e unha planta de salmoira con depósitos con capacidade para 25.000 litros.