Adxudicadas por 37,7 millóns de euros as obras do tramo da AG-22 entre Lugo e Sarria
Segundo indica o Goberno galego, as obras nesta infraestrutura, prolongaranse durante un período estimado de tres anos
A Xunta de Galicia adxudicou por uns 37,7 millóns de euros a execución das obras do último tramo restante da autovía AG-22, correspondente a un desdobre do treito xa en servizo entre Nadela e A Pobra de San Xiao.
Segundo indica o Goberno galego, as obras nesta infraestrutura, que conecta Lugo e Sarria, prolongaranse durante un período estimado de tres anos e serán levadas a cabo pola empresa Copasa Infraestruturas S. L. U.
Trátase dunha actuación sobre un tramo de trece quilómetros e medio, o que se inicia na glorieta de Nadela e finaliza na ligazón da Pobra de San Xiao, que permitirá acurtar os tempos de desprazamento e adiantamentos sen risco, xa que pasará a haber dous carrís en cada sentido da marcha.
O Goberno galego sinala que esta autovía soporta un tráfico diario de aproximadamente oito mil vehículos.