Susto en Cambados por un incendio que calcinou un coche, 4 colectores e afectou a fachada dun edificio
Susto en Cambados por un incendio que calcinou un coche, 4 colectores e afectou a fachada dun edificio
O lume, supostamente intencionado, comezou nun colector de papel e propagouse axiña ao coche
Non houbo danos personais, pero os materiais estímanse cuantiosos
Unha gravación recolle o momento en que o lume, que comezara nun colector de papel, alcanza o coche aparcado ao carón, provocando unha explosión. A rápida intervención dos servizos de emerxencias evitou que o incendio tivera peores consecuencias, como explica Iván Marín, responsable do Servizo de Emerxencias Municipal de Cambados.
Ademais dos 4 colectores, ardeu un coche por completo e outro quedou algo afectado, pero puideron retiralo a tempo. O fume e as altas temperaturas afectaron á fachada do edificio e quedan por avaliar os estragos. Por sorte non houbo danos persoais. Poucos veciños estaban no edificio.
A Daniel, presidente da comunidade, sorprendeuno durmindo. Conta que o avisou a muller e cando baixou xa estaban todos os veciños na rua, co susto no corpo.
Á outra propietaria, Anna, avisouna unha amiga. Ela estaba rematando a súa quenda como vixilante na praia, porque é mariscadora. Respira aliviada porque os seus 5 fillos non estiveran na casa nese intre e non viviran esa tensión. Conta que a súa casa está chea de po e fume pero alégrase de que non houbera danos persoais polo menos.
A Garda Civil investiga o incendio, pero todo apunta a que foi intencionado, como sinalan desde os servizos de emerxencias e os propios veciños afectados.
Despois de ventilar e facer as medicións oportunas, os bombeiros permitíronlles aos veciños volver ás súas casas. Algúns optaron por pasar a noite na casa de familiares. Queda agora saber quen se fará cargo dos danos.