O Álvaro Cunqueiro de Vigo estrea en España unha válvula para a insuficiencia aórtica
O xefe da unidade que a implantou, José A. Baz, explicou que ata o de agora se utilizaban as mesmas válvulas que para a estenosis aórtica, con resultados "moi variables e risco de complicacións", e esta é a primeira válvula "aprobada especificamente" para a insuficiencia aórtica
Arquivo TVG
O hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo estreou en España unha válvula para a insuficiencia aórtica. En concreto, foi a Unidade de Cardioloxía Intervencionista deste hospital público o que realizou por primeira vez en España o implante dese novo tipo de válvula no corazón, informa a área Sanitaria de Vigo nun comunicado.
Os especialistas implantaron con éxito tres válvulas a outros tantos pacientes que xa están dados de alta e evolucionan favorablemente. O dispositivo foi deseñado especificamente para o tratamento da insuficiencia aórtica sintomática grave en pacientes con risco cirúrxico.
O xefe da unidade que a implantou, José A. Baz, explicou que ata o de agora se utilizaban as mesmas válvulas que para a estenosis aórtica, con resultados "moi variables e risco de complicacións", e esta é a primeira válvula "aprobada especificamente" para a insuficiencia aórtica.
A achega fundamental é, segundo indicou, o seu mecanismo de fixación, con tres clips ou pinzas que fan que o seu sistema de ancoraxe "sexa completo e seguro, cunha adaptación anatómica perfecta ás tres valvas do corazón".
A insuficiencia aórtica prodúcese cando a válvula aórtica non pecha ben e o sangue, no canto de fluír polo seu circuíto, volve ao ventrículo esquerdo; ao recibir sangue de máis e ter que arrolar ou bombear sangue extras, o corazón ten que adaptarse, dilatándose e hipertrofiándose en cada latexado e, co paso do tempo, o paciente pode sentir síntomas como fatiga, falta de aire ou hinchazón nas pernas.
A inserción da válvula realízase cun procedemento minimamente invasivo, mediante un catéter a través dunha punción na arteria femoral, sen necesidade de abrir o esterno nin parar o corazón.
A área sanitaria de Vigo estima que se implantarán as novas válvulas a uns 25 pacientes ao ano con insuficiencia aórtica.