Publicador de contidos

Publicador de contidos

Suspendido o concerto de Juan Luís Guerra en Sanxenxo por mor da chuvia

Suspendido o concerto de Juan Luís Guerra en Sanxenxo por mor da chuvia

A organización asegura que está valorando tódalas opcións, incluída a reprogramación noutra data. 

As intensas precipitacións tamén obrigaron a parar en varias ocasións o concerto de Arde Bogotá na Coruña

G24.gal 19/07/2025 23:30 Última actualización 20/07/2025 08:37

Era un dos eventos do verán en Sanxenxo e a chuvia estragouno. O concerto de Juan Luís Guerra foi suspendido tras corenta e cinco minutos de actuación porque as precipitacións, o vento e mailo aparato eléctrico facían perigoso continuar. A cita comezou puntual, pouco despois das 21:30, pero a partir das 22:00 a chuvia fíxose máis intensa e o propio artista anunciou un parón de 30 minutos por seguridade. Intentou continuar, pero non puido ser, segundo relatou o compañeiro da Radio Galega Roberto Carlos Carballo, que estaba no concerto. Finalmente, o artista dominicano dirixiuse ás 15.000 persoas que ateigaban a praza do Mar para anunciar a suspensión definitiva.

Todo o público comezou a desaloxar, o que supuxo un desafío para as forzas de seguridade, que traballaron para que tódolos asistentes regresasen á casa con seguridade. O xefe da Policía Local relatoulle á Radio Galega que o comportamento foi exemplar.

O comportamento da xente foi exemplar. A verdade é que chovía, era incómodo para todos, pero a xente saíu ordenada e con moita calma e foise dirixindo cara á zona de autobuses. Evidentemente xerouse algunha retención de tráfico, como é habitual en calquera evento deste tipo, pero a Policía foi regulando nos cruzamentos, movendo o tráfico, e ao redor das 00:30 horas quedou normalizada a circulación.

A organización asegura que está valorando tódalas opcións, incluída a reprogramación noutra data. Nun comunicado feito público de madrugada, a empresa SFX Events dixo que agarda poder ofrecer unha solución o antes posible.

Non foi a única incidencia por mor do mal tempo. Na Coruña, Arde Bogotá tamén cantou baixo a chuvia no peirao de Baterías. A banda de Cartaxena tivo que parar ó se inundaren os equipos, como lle explicaban ao público, pero a pesar do diluvio, a banda resistiu e fixo as delicias das 15.000 persoas que aguantaron estoicas o ballón. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade