Suplantan a identidade da alcaldesa de San Cibrao das Viñas nas redes sociais para promover criptomoedas
Suplantan a identidade da alcaldesa de San Cibrao das Viñas nas redes sociais para promover criptomoedas
A suplantación de identidades a través da IA e mediante a creación de perfís falsos é unha tendencia en auxe moi perigosa por parte dos ciberdelincuentes
Os ciberdelincuentes aproveitaron a conta pública de Instagram da alcaldesa de San Cibrao das Viñas, en Ourense, para coarse na súa intimidade, pero sobre todo para suplantar a súa identidade e chegar así aos seus 3.000 seguidores.
Nese novo pero falso perfil de Marta Nóvoa os ciberdelincuentes colgan unha mensaxe de texto en que a propia alcaldesa anima os seus seguidores a unirse a falsas plataformas de investimento.
Dos 3.000 seguidores, 26 aceptaron a súa solicitude de amizade, pero varios deles comezaron a sospeitar e alertaron a propia alcaldesa, que rapidamente denunciou os feitos.
Ese perfil foi denunciado e a propia rede social quitouno. Ninguén aceptou unirse a esas plataformas, pero por desgraza a usurpación de identidades é bastante habitual, sobre todo en personaxes públicos.
Tanto as forzas de seguridade como os expertos en ciberseguridade alertan deste tipo de estafas e piden moita precaución.
Actualizar os dispositivos, mudar os contrasinais de maneira constante ou alertar as forzas de seguridade en caso de dúbidas. Tamén, dende o Goberno poñen a disposición dos usuarios páxinas de axuda e teléfonos de contacto se cremos ser vítimas dos ciberestafadores.