Publicador de contidos

Publicador de contidos

Desartellan un grupo que estafou distribuidoras de combustible en seis localidades galegas e por toda España

Desartellan un grupo que estafou distribuidoras de combustible en seis localidades galegas e por toda España

O suposto responsable da trama é un veciño de Biscaia, quen se cre é o xefe dunha organización delituosa que estafou case un millón de euros

A Garda Civil destapou a fraude, que afectou empresas en Noia, Boiro, Sada, Santiago de Compostela, A Laracha e Lugo

(Garda Civil) (Garda Civil)
EFE 19/09/2025 09:54

A Garda Civil detivo un home de 25 anos, veciño de Karramtza (Biscaia), considerado o ideólogo e xefe dunha trama delituosa que estafaría 950.000 euros a empresas de distribución de combustible de toda España, varias delas de Galicia.

A investigación, levada a cabo polo Equipo de Policía Xudicial de Estella (Navarra) e que contou coa colaboración EDITE de Policía Xudicial da Coruña, desenvolveuse durante dez meses e permitiu esclarecer 17 delitos cometidos entre decembro de 2023 e maio de 2024, cun prexuízo económico duns 950.000 euros, dos cales se recuperaron preto de 400.000 grazas á rapidez das actuacións policiais.

Segundo informou a Garda Civil nun comunicado, a operación, denominada Octayen, iniciouse en febreiro de 2024 tras a denuncia dunha estación de servizo de Estella, que aboou máis de 41.000 euros a unha falsa distribuidora.

A partir deste feito destapouse unha forma de actuar en numerosas localidades: Estella, Tafalla e Bera (Navarra), Calahorra (A Rioxa), Basauri (Biskaia), Zuazo de Vitoria (Áraba), Mejorada del Campo (Madrid), Langreo e Brieves (Asturias), Torre del Burgo (Guadalaxara),  Ágreda (Soria), e as vilas e cidades galegas de Noia, Boiro, Sada, Santiago de Compostela, A Laracha e Lugo.

Unha fraude moi elaborada

O detido facíase pasar por comercial dunha empresa legal e ofrecía combustible a prezos competitivos con pago inmediato. Para xerar confianza remitía documentación falsificada e mantiña contacto constante por correo, teléfono ou WhatsApp.

Tras recibir a transferencia facilitaba códigos de carga falsos e antes de que a vítima puidese anular a operación bancaria, o autor extraía o diñeiro mediante distintas contas e cortaba a comunicación.

Durante a investigación detectáronse máis de cen liñas telefónicas dadas de alta con identidades falsas, múltiples contas bancarias pantalla, correos creados ad hoc, uso de VPN e abundante documentación falsificada. En rexistros en Carranza e Ramales de la Victoria (Cantabria) interviñéronse teléfonos, computadores e tarxetas, cuxa análise permitiu localizar miles de documentos e conversacións que vinculaban ao detido con estafas en todo o país.

Colaboradores e mulas económicas

Xunto ao detido investigouse ademais a once persoas de nacionalidade española, chinesa e romanesa, de entre 20 e 71 anos, que actuaban como “mulas económicas” facilitando contas para canalizar os ingresos e retiralos rapidamente. Tamén se identificou a colaboradores na confección de documentos falsos e na adquisición de tarxetas.

A operación Octayen supuxo a desarticulación dun grupo criminal altamente especializado que perfeccionaba o seu sistema con continuos cambios de identidade dixital e novas empresas ficticias. As dilixencias foron remitidas ao Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Estella.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade