Publicador de contidos

Publicador de contidos

O temporal de vento e chuvia obriga a pechar parques e suspender actividades ao aire libre

O temporal de vento e chuvia obriga a pechar parques e suspender actividades ao aire libre

O litoral das provincias da Coruña e Pontevedra e a montaña de Lugo e Ourense están en aviso laranxa por fortes ventos

O interior das provincias da Coruña, Lugo, Pontevedra e parte da de Ourense estarán en aviso amarelo por precipitacións

Na Mariña os termómetros superan os 20 grados e marcan unhas máximas pouco habituais para ser novembro

A Costa da Morte e as Rías Baixas teñen activo o aviso laranxa no mar
G24.gal 04/11/2025 20:52 Última actualización 04/11/2025 21:24

Varias localidades galegas pecharon este martes os seus parques e suspenderon as actividades ao aire libre con motivo do temporal que afecta a Galicia, con fortes ventos e abundantes chuvias.

E é que a costa das provincias da Coruña e Pontevedra, así como a montaña de Lugo e de Ourense permanece este martes e mércores en aviso laranxa por fortes ventos, que poderán superar os 100 quilómetros por hora nalgunhas zonas.

Ademais, a Costa da Morte e as Rías Baixas tamén terán activado o aviso laranxa por ondada.

Pola súa banda, o interior das provincias da Coruña, Lugo, Pontevedra e parte da de Ourense estarán en aviso amarelo por precipitacións.

Con este prognóstico foron diversos os concellos galegos que adoptaron medidas, así o Concello de Vigo informou de que a partir das 19,00 horas deste martes pechou os parques do Castro, Castrelos, A Riouxa, Samil, Praza de Compostela e A Guía ata as 8,00 horas do mércores.

Nesta liña, o Concello de Santiago informou a través das súas redes sociais que debido ás condicións meteorolóxicas permanecen pechados os parques da cidade e a Escola Municipal de Música. Ademais, suspendeu as actividades ao aire libre.

Pola súa banda, o Concello de Ferrol suspendeu ata as 11,00 horas do mércores as actividades no mar e recomendou aos veciños permanecer lonxe das praias, paseos marítimos, portos e outros lugares afectados polo temporal. 

O Concello da Coruña sinalou que, como medida preventiva, procedía ao peche dos accesos ás praias, parques e áreas infantís da cidade.

Na Mariña os termómetros superan os 20 grados e marcan unhas máximas pouco habituais para ser novembro

Mentres case toda Galicia ten activos varios avisos de vento e chuvia, na Mariña libran. Esquivan o temporal pero ademais fanno con boas temperaturas, grazas ao vento do sur. Aínda así son valores elevados para estarmos xa no mes de novembro.

A temperatura máxima marcouna este martes Ribadeo ao superar os 24 graos. Non foi unha marca illada, en varias localidades da Mariña os termómetros pasaron dos 20 graos.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade