Frota amarrada por aviso laranxa no mar con vento forte e ondas de 5-6 metros
Os refachos no litoral e nas zonas altas da comunidade poden chegar ata os cen quilómetros hora
O peor agárdase a partir desta noite con precipitacións de ata 60 litros/m2
O vento deste martes pola mañá en Fisterra xa apuntaba o que ía ser a tónica da tarde en toda a costa atlántica da comunidade. No litoral da Costa da Morte, desde primeira hora estaba activado xa o aviso laranxa no mar por ventos de forza 8 e ondas de 5 a 6 metros, así que a frota quedou toda amarrada ao abrigo.
Os refachos de poden ir desde os 70 quilómetros por hora ata máis de 100. Estas condicións de mar e vento serán as propias de toda a costa galega nas próximas horas e o vento tamén se fará notar en zonas do interior conforme a borrasca vai varrendo a comunidade de oeste a leste.
Conforme se achegue a noite, a situación volverase máis complicada, porque amais do vento descargará con forza a chuvia ao longo da madrugada. Segundo a previsión de Aemet, na provincia de Pontevedra, no sur de Ourense e en zonas do interior da Coruña poderíanse acumular 60 litros por metro cadrado.