Catro intoxicados por monóxido de carbono nunha casa da Pontenova
Presentaban síntomas similares, como mareos e náuseas, e tiveron que ser trasladadas o hospital na Noiteboa; xa foron dados de alta
As primeiras hipóteses falan dun mal funcionamento dunha estufa como posible causa do suceso
Os veciños din que un gato que se puxo a miañar lles fixo saber que algo malo sucedía, e así lograron saír e evitar consecuencias maiores
Catro persoas tiveron que ser trasladadas esta Noiteboa ao hospital por unha posible intoxicación por monóxido de carbono nunha vivenda situada no concello da Pontenova. Segundo contaron os veciños, un gato puido salvarlles a vida, xa que se puxo a miañar e alertoulles de que algo pasaba.
O 112 Galicia recibiu o aviso ás 23:45 horas, cando un particular alertou de que catro persoas que se atopaban no interior da vivenda presentaban síntomas similares, como mareos e náuseas. Nun primeiro momento se apuntaba a que a causa podería estar relacionada cunha mala combustión da cheminea, malia que algúns veciños falan dun mal funcionamento dunha estufa.
De inmediato, desde o centro de emerxencias informouse ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Barreiros, ao GES da Pontenova, á Garda Civil e aos efectivos de Protección Civil.
O suceso produciuse na estrada que comunica A Pontenova con Riotorto, concretamente no lugar de Rececende.
Segundo indicaron os Bombeiros, na vivenda rexistráronse niveis moi elevados de monóxido de carbono, polo que catro persoas adultas tiveron que ser trasladadas ao Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), onde xa foron dados de alta.