O actual campión galego de competición deportiva con pombas só ten 15 anos
Veciño de Bóveda, herdou do seu pai e do seu avó a súa paixón por este singular deporte con aves
Con só 15 anos, Salvador Pallares é o actual campión galego de columbofilia deportiva. Na súa casa de Bóveda, concello onde reside dende que veu de Cataluña, cría os pombos cos que compite, unha paixón que herdou do súa familia.
"Isto vénme de familia, de meu avó e de meu pai. E aquí abríronme as portas Borja e Julio Alonso, que me facilitaron poder concursar en Galicia", sinala Salvador.
A pesar da súa curta idade, Salvador participa tanto en torneos de ámbito autonómico como estatal. Nesta disciplina, polo momento escasamente implantada no noso país, as ás dos machos son pintadas con cores rechamantes, e durante horas deben seguir unha pomba ao mesmo tempo que compiten coas aves doutros criadores.
"Cada voador leva sete exemplares de media. Xuntámonos todos nun punto e soltamos os machos e mais a pomba, que vai facendo paradas en árbores, nos tellados ou no chan, e o que máis tempo bote coa femia nun total de seis probas é o que gaña", explica o rapaz.
Durante as probas, as pombas poden chegar a percorrer distancias de ata 30 quilómetros.