Morre o condutor dun vehículo que colidiu cun farol en Rianxo
Foi necesario empregar material de excarceración para proceder á liberación do corpo
Unha persoa perdeu a vida nun accidente de tráfico rexistrado a pasada noite na DP-3301, á altura do quilómetro 1, no concello de Rianxo.
O 112 Galicia tivo coñecemento do suceso ás 21:35 horas do mércores, tras recibir o aviso dun particular, que xa indicaba que a persoa que se atopaba no interior do vehículo semellaba estar inconsciente.
De inmediato, desde o 112 Galicia informouse ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Boiro, á Garda Civil, á Policía Local e aos efectivos de Protección Civil.
Unha vez no lugar, os equipos de intervención confirmaron que a persoa se atopaba falecida e atrapada no interior do vehículo, polo que foi necesario empregar material de excarceración para proceder á súa liberación.
Segundo informaron os Bombeiros, todo apunta a que o vehículo colisionou inicialmente coa entrada dun garaxe e, posteriormente, contra unha farola.